Escola Galega de Administración Pública
RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2025 pola que se convoca a Xornada de Autocoidado.
Obxectivos
Os principais obxectivos desta xornada serán os seguintes:
• Poñer en valor a importancia do autocoidado nos/nas profesionais que prestan axuda a outras persoas.
• Desenvolver habilidades para a xestión e regulación emocional.
• Explorar técnicas prácticas que contribúan á redución do estrés e ao mantemento do equilibrio emocional.
• Facilitar a creación dun plan de autocoidado para integrar na vida diaria.
Contidos
O programa desta actividade estará estruturado en tres bloques:
• Ferramentas para a xestión e regulación emocional dos/das profesionais que axudan.
• Obradoiro: Coidar das que coidan; como sobrevivir á sobrecarga emocional.
• Obradoiro: Tres estratexias para o meu coidado.
Persoas destinatarias
As persoas destinatarias desta actividade son o persoal dos centros de información á muller de Galicia (CIM); do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren Violencia de Xénero (CRI); do Centro de Emerxencia para Mulleres en Situación de Violencia de Xénero (CEMVI); das casas de acollida; das oficinas de atención á vítima e á cidadanía de Galicia; así como o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que presta servizos na Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e na Dirección Xeral de Promocións da Igualdade ou nas unidades administrativas de Igualdade das xefaturas territoriais das delegacións da Xunta de Galicia.
Desenvolvemento
Modalidade de impartición: presencial.
Horario: das 11.00 ás 13.30 e das 15.00 ás 17.30 horas.
Duración: 5 horas lectivas.
Data e lugar de desenvolvemento:
• 1ª edición: xoves 22 de maio de 2025, na EGAP; rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
• 2ª edición: xoves 19 de xuño de 2025, na Delegación Territorial de Pontevedra; avenida Mª Victoria Moreno, 43.
• 3ª edición: xoves 2 de outubro de 2025, na Delegación Territorial de Ourense; avenida da Habana, 79.
• 4ª edición: xoves 23 de outubro de 2025, na Delegación Territorial de Lugo; rolda da Muralla, 70.
Número de prazas
Vinte e cinco (25) en cada unha das edicións.
Inscrición
1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos na bases terceira e oitava, respectivamente.
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Igualdade e violencia de xénero) e despois seleccionar en «nome do curso» só unha das edicións da Xornada de Autocoidado: Santiago, Pontevedra, Ourense ou Lugo.
5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará habilitado desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 8 de maio de 2025.
Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.