Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar as probas de acceso para as ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño e ditar instrucións para o curso 2025/26 no ámbito da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Para o efecto de cumprir o punto anterior, dítanse as instrucións xerais e establécense os anexos e calendarios específicos inseridos do seguinte xeito:
a) Acreditacións que permiten a exención das probas substitutivas do requisito de titulación para os accesos aos ciclos formativos de grao medio e grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño: anexo I.
b) Titulacións que permiten a exención das probas específicas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño: anexo II.
c) Temporalidade, configuración e cualificación da proba que substitúe os requisitos académicos de titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria no anexo III e de titulación de bacharelato no anexo IV.
d) Temporalidade, estrutura, contidos e cualificación da proba específica de acceso ao ciclo formativo de grao medio no anexo V e para o ciclo formativo de grao superior no anexo VI.
e) Resumo do calendario das probas de acceso ao ciclo formativo de grao medio e superior: anexo VII.
f) Documentación que as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude segundo corresponda para o acceso aos ciclos formativos de grao medio no anexo VIII e para os ciclos formativos de grao superior no anexo IX.
g) Orde de prelación para a asignación de prazas ás persoas aspirantes con acceso directo ao grao medio e ao grao superior: anexo X.
h) Composición da Comisión de Avaliación para o acceso aos ciclos formativos das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño: anexo XI.
i) Modelo de certificacións acreditativas de superación das probas: anexo XII.
3. A oferta de prazas en cada centro de ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño será publicada a través do portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (www.edu.xunta.gal) e dos taboleiros dos centros educativos correspondentes. Para a distribución da oferta de prazas en cada ciclo formativo e para a prelación na asignación das prazas ofertadas, observarase o disposto na Orde do 25 de xuño de 2007, modificada pola Orde do 15 de marzo de 2013, pola que se regulan o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.
4. Segundo se establece no artigo 6 da Orde do 25 de xuño de 2007, modificada pola Orde do 15 de marzo de 2013, en cada escola de arte e superior de deseño ofertaranse as prazas dispoñibles para cada módulo no caso da oferta modular das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño. As condicións, os criterios e as probas de acceso serán os mesmos que os regulados para os ciclos formativos das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, segundo o establecido nesta resolución.