Instituto Galego da Vivenda e Solo
Obxecto e réxime de concesión
1. Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, coa finalidade de financiar actuacións ou obras de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas, para a anualidade 2025, con carácter plurianual (código de procedemento VI406E).
2. A concesión das subvenciones recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 45.1 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Persoas beneficiarias
1. Ao abeiro dos artigos 41 e 42 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias de vivendas, sempre que constitúan o seu domicilio habitual e permanente no momento de solicitar a axuda. Esta circunstancia acreditarase mediante certificación ou volante de empadroamento.
2. As persoas beneficiarias das axudas poderán facultar e autorizar, mediante o correspondente acordo, que un axente ou xestor da rehabilitación actúe por conta daquelas. O axente ou xestor da rehabilitación é aquela persoa física ou xurídica, ou entidade pública ou privada, que poida realizar actuacións de impulso, seguimento, xestión e percepción de axudas públicas, mediante mecanismos de cesión do dereito de cobramento ou similares, acceso ao financiamento, elaboración de documentación ou proxectos técnicos ou outras actuacións necesarias para o desenvolvemento das actuacións subvencionables, ao abeiro do artigo 8 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.
3. As persoas beneficiarias e, de ser o caso, o axente ou xestor da rehabilitación que actúe por conta daquelas destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, o cal comeza a contar unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día en que se inicie a presentación de solicitudes. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Non obstante o anterior, se antes da finalización do devandito prazo se esgota o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria, terase por rematado o prazo de presentación de solicitudes nesa data. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.