miércoles, 30 de abril de 2025

PROGRAMA DE AXUDAS PARA A PROMOCIÓN DE VIVENDA ACCESIBLE EN GALICIA 2025

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para a promoción de vivenda accesible na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2025 (código de procedemento VI435D).

Obxecto, modalidades e réxime de concesión das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do programa de axudas para a promoción de vivenda accesible na Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as dúas modalidades que se describen a continuación, as cales se tramitarán co código de procedemento VI435D:
Modalidade A: Promoción de vivendas e outras modalidades residenciais tipo cohousing, vivendas interxeneracionais ou similares, de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian destinar a alugueiro ou cesión en uso.
Modalidade B: Promoción de vivendas protexidas de nova construción ou procedentes da rehabilitación dirixidas á compravenda.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2025, con carácter plurianual.
3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas privadas que teñan no seu obxecto social a promoción de vivendas de nova construción ou procedentes da rehabilitación e as cooperativas de vivendas en réxime de autopromoción ou autoconstrución, que cumpran os requisitos previstos nas bases reguladoras.
2. As entidades beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a contarse unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2025.
Non obstante o anterior, se antes da finalización do devandito prazo se esgotase o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria, terase por rematado o prazo de presentación de solicitudes nesa data. O dito esgotamento será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
2. O prazo de presentación de solicitudes poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.