miércoles, 30 de abril de 2025

SUBVENCIÓNS PARA A ADQUISICIÓN DE BICICLETAS CON PEDALEO ASISTIDO E BICICLETAS DE MAN HÍBRIDAS OU ELÉCTRICAS PARA CADEIRAS DE RODAS 2025 E 2026

 Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 21 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para as anualidades de 2025 e 2026 (códigos de procedemento IF319A e IF319B).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto:
1. Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IF319B), así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IF319A), e convocalas para as anualidades 2025 e 2026.
2. Aprobar os formularios normalizados para a xestión da convocatoria que figuran como anexos a esta orde:
– Anexo I. Solicitude de adhesión pola entidade colaboradora.
– Anexo II. Solicitude de axuda.
– Anexo III. Autorización para a representación.
– Anexo IV. Solicitude de pagamento.
3. Publicar o convenio de colaboración para a xestión das axudas para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo V).

Persoas beneficiarias das subvencións
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas maiores de idade que realicen a actuación subvencionable establecida no artigo 3 desta orde e estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, e que non obtivesen axuda para a mesma clase de obxecto subvencionado con cargo á Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 12 de xullo de 2022 nin do 27 de abril de 2023.
Adicionalmente, no caso de axudas para a adquisición de bicicletas de man, a persoa solicitante deberá xustificar un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir na data de presentación das solicitudes.

Contía máxima das axudas
O importe máximo da axuda por bicicleta de pedais nova con pedaleo asistido, que cumpra os requisitos técnicos e de equipamento establecidos no artigo 3 desta orde, será de 500 euros por bicicleta e persoa beneficiaria; non obstante, no caso de persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa, o dito importe será de 600 euros, e de 700 euros no caso de que a familia numerosa sexa de categoría especial; no caso das bicicletas de man híbridas ou eléctricas, o importe máximo da axuda será, en todo caso, de 700 euros. En todo caso, cada persoa beneficiaria só poderá recibir unha axuda pola adquisición dunha única bicicleta con pedaleo asistido ou bicicleta de man.
A cantidade da subvención non poderá ser superior do 50 % do prezo da bicicleta con pedaleo asistido para unha persoa beneficiaria xeral, do 60 % para persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa e do 70 % para persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa con categoría especial ou adquirentes dunha bicicleta de man.
Para os efectos desta convocatoria considéranse persoas beneficiarias integrantes de familia numerosa aquelas que cumpran os requisitos establecidos na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, no momento de presentar a súa solicitude.

Forma e lugar de presentación de solicitudes
1. A tramitación do procedemento de solicitude de axuda (código de procedemento IF319B) realizarase a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publique na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade https://ebici.xunta.gal
2. As entidades colaboradoras presentarán as solicitudes de axuda por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), accedendo desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou directamente no url: https://ebici.xunta.gal

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 16 de maio de 2025, ás 10.00 horas, e finalizará o 13 de novembro de 2026 ou cando se esgoten os fondos.