Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Obxecto
Ofrecer seis axudas para o desenvolvemento de proxectos artísticos con acompañamento de mentor a través de residencias. Para iso realizarase unha selección dun máximo de seis proxectos vinculados ás artes visuais, escénicas, musicais, deseño e artes dixitais valorando positivamente o enlace con outras disciplinas non recollidas nestas bases e tendo en conta o carácter híbrido da cultura actual. No caso das artes escénicas, concederanse un máximo de dúas axudas. A escolma será realizada en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.
Persoas beneficiarias
Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas, que desenvolva un proxecto artístico vencellado ás artes visuais, escénicas, musicais, dixitais ou de deseño. Estas persoas deberán desenvolver as residencias de traballo nos espazos dispoñibles para este cometido na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, sempre que cumpran cos seguintes requisitos:
1. Cada proxecto pode ser presentado por unha persoa física individual, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas. Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha axuda por solicitude. Os proxectos serán de creación específica, orixinais e inéditos.
2. De non cumprir con algún dos requisitos ou non poder executarse dentro do prazo determinado pola convocatoria, o proxecto quedará automaticamente excluído, e procederá a devolución das cantidades xa desembolsadas da axuda.
Cada proxecto seleccionado recibirá unha axuda de oito mil euros (8.000 €). Nesta cantidade inclúense o seu desenvolvemento, os gastos de transporte, estancia, manutención e posibles gastos de presentación pública do proxecto. Se o conxunto dos gastos que ocasionase a residencia fose maior, a axuda non será superior á cantidade indicada. O importe da axuda estará suxeito ás retencións que sexan de aplicación e as persoas beneficiarias non terán ningún outro dereito de carácter económico.
Ademais das axudas recollidas no parágrafo anterior, a Fundación porá á disposición das persoas beneficiarias en calquera dos seis proxectos o seguinte:
– O espazo de traballo para poder ser utilizado un mínimo de tres semanas e un máximo de seis semanas, en condicións axeitadas para o seu uso, con conexión wifi, seguridade, limpeza e climatización.
– Os recursos humanos propios do seguimento técnico de cada proxecto, segundo a dispoñibilidade e o horario pactados de común acordo coas persoas beneficiarias dos proxectos seleccionados.
– A persoa mentora que acompañará cada proxecto.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes e da documentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.