Consellería de Política Social e Igualdade
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de doce (12) mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.
Por medio desta convocatoria, as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero (código de procedemento SI461B).
2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, e reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiaras das subvencións:
a) As entidades sen ánimo de lucro.
b) As cooperativas sen ánimo de lucro segundo o establecido na disposición adicional cuarta da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da dita lei respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.
2. Para seren beneficiarias, as entidades e as cooperativas relacionadas no punto anterior deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
b) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.