miércoles, 30 de abril de 2025

PROGRAMA CAMPAÑA DE VERÁN 2025. OFERTA DE PRAZAS PARA ACTIVIDADES XUVENÍS

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 10 de abril de 2025 pola que se regula a oferta de prazas para actividades xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2025 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS303A).

Obxecto
1. A través desta orde, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude oferta as prazas para actividades xuvenís dentro da programación da Campaña de verán para o ano 2025 que se detalla no anexo I (código de procedemento: BS303A), para facilitar que a xuventude galega poida participar en actividades de tempo libre de calidade.
As actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diferentes quendas durante os meses de xullo, agosto e setembro.
2. A información sobre a convocatoria desta campaña atoparase detallada na páxina web https://xuventude.xunta.galServizos ofertados
1. As persoas participantes nas actividades xuvenís da programación da Campaña de verán 2025 disporán dos seguintes servizos:
a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial que posibilite a participación da persoa moza.
b) O aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil, campamento xuvenil ou aloxamento turístico.
c) A manutención en réxime de pensión completa.
d) O material necesario para o desenvolvemento da actividade xuvenil.
e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con discapacidade que por razón das súas necesidades especiais precisen apoio, disporase de persoal que conte coa formación e experiencia necesarias para atendelas.
f) A atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
g) No caso de intercambios noutras comunidades autónomas, o transporte desde Santiago de Compostela, que será o punto de saída, ata o lugar de destino do intercambio, así como o retorno ata o mesmo punto de saída. O traslado ata Santiago de Compostela o día de saída e o traslado para a recollida da persoa menor, no mesmo lugar, o día de retorno, serán por conta da persoa interesada. No suposto de abandono da actividade ou expulsión da persoa participante, serán responsabilidade das persoas proxenitoras, titoras legais ou acolledoras o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que se ocasionen.
2. A incorporación e a recollida das persoas participantes nas actividades en Galicia será por conta da persoa interesada nos termos que indique a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, na páxina web https://xuventude.xunta.gal
No suposto de abandono da actividade ou expulsión da persoa participante, serán responsabilidade das persoas proxenitoras titoras legais ou acolledoras o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que se ocasionen.
3. A participación nas actividades xuvenís ofertadas nesta convocatoria estará suxeita, unha vez adxudicada unha actividade tras o sorteo, ao pagamento do prezo fixado no anexo I, epígrafes A, B, C e D, de conformidade co establecido nos artigos 8, 10, 11 e 13 desta orde.

Persoas participantes
1. Poderán solicitar a súa participación nas actividades xuvenís ofertadas nesta convocatoria as persoas mozas residentes en Galicia, nacidas no ano sinalado no anexo I para cada actividade. Para participar nestas actividades, o/a menor solicitante deberá ter expedido e en vigor o DNI ou NIE na data de presentación da solicitude.
2. En canto ás idades mínima e máxima para participar na Campaña de verán 2025, as persoas nacidas no ano 2016 deberán ter 9 anos ao inicio do campamento e as persoas nacidas no ano 2007 non poderán facer os 18 anos antes da finalización do campamento.
3. Para ser admitida/o no campamento será necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio. Para estes efectos, as persoas admitidas deberán comunicar se padecen algunha enfermidade transmisible con risco de contaxio cubrindo a epígrafe correspondente do anexo III-Cuestionario de saúde e autonomía persoal e declaración de saber nadar.
Para os campamentos que inclúan na súa programación actividades acuáticas, é requisito saber nadar, sen prexuízo do sinalado para as persoas con discapacidade no número 5.
4. Ningunha persoa participante poderá ser admitida en máis dun campamento nesta convocatoria. A praza adxudicada será intransferible.
5. As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán facer constar esta circunstancia na epígrafe que figura no anexo de solicitude, co fin de planificar os apoios persoais necesarios, se os precisa.
Para facilitar a selección dos campamentos e instalacións xuvenís máis axeitadas ás condicións das persoas participantes, a programación de actividades e as características das instalacións en que se desenvolven poderanse consultar na páxina web https://xuventude.xunta.gal
En función do tipo de discapacidade, poderá exceptuarse, de ser o caso, o requisito de saber nadar.
No caso de persoas participantes cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %, deberase optar, de conformidade co artigo seguinte, polas prazas do procedemento xeral indicadas no anexo I, epígrafe A, no anexo I, epígrafe B (minicampamentos Coñece Galicia) e no anexo I, epígrafe D (intercambios noutras comunidades autónomas), ou polas prazas reservadas para inclusión relacionadas no anexo I, epígrafe C. Para tal efecto, deberán indicar no anexo de solicitude se solicitan ou non unha praza reservada para inclusión.
6. As persoas menores en situación de tutela ou garda pola Administración e que se encontren en acollemento residencial poderán participar nesta convocatoria, esta condición deberá indicarse no anexo de solicitude marcando o recadro correspondente.
7. O incumprimento dos requisitos sinalados neste artigo impedirá a participación da persoa solicitante no campamento.

Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.