miércoles, 30 de abril de 2025

PREMIOS DE ARQUITECTURA E REHABILITACIÓN DE GALICIA 2025

 Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2025 pola que se convocan os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2025 (código de procedemento VI490A).


Convocar os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2025, que se rexerán polas bases que figuran no anexo I (código do procedemento VI490A).

A presentación de candidaturas deberá realizarse obrigatoriamente por medios electrónicos coa proposta que se incorpora como anexo II, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A dotación económica dos premios pagarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.480.0, dos orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para 2025.

AXUDAS LEADER

 Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2025 pola que se publica o Acordo do Consello de Dirección, do 10 de abril de 2025, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), e se anuncia a convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MR701L).

Obxecto
O obxecto é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), así como convocar as correspondentes ao ano 2025.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades públicas de carácter local ou comarcal, en concreto: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores; as persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, incluíndo nesta categoría as comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades, que cumpran os seguintes requisitos:
– Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.
– Non estar incursas en ningún dos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG), e, en particular, non ter sido condenadas mediante sentenza firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.
– Cumprir os requisitos de pequena empresa, nos termos regulados no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Este requisito exceptúase para as entidades públicas locais, así como para as entidades beneficiarias das axudas a proxectos non produtivos regulados no artigo 16 das bases reguladoras das axudas.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no DOG do Acordo do Consello de Dirección, do 10 de abril de 2025, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do PEPAC 2023-2027, así como convocar as correspondentes ao ano 2025.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai equivalencia ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Outros datos
As axudas concederanse en forma de subvención directa de capital non reembolsable, e calcularase sobre os custos subvencionables, tendo en conta a porcentaxe de axuda que resulte da aplicación ao proxecto dos criterios de selección establecidos por cada grupo de desenvolvemento rural. A contía máxima da axuda será de 200.000,00 € por proxecto.

PROGRAMA CAMPAÑA DE VERÁN 2025. OFERTA DE PRAZAS PARA ACTIVIDADES XUVENÍS

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 10 de abril de 2025 pola que se regula a oferta de prazas para actividades xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2025 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS303A).

Obxecto
1. A través desta orde, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude oferta as prazas para actividades xuvenís dentro da programación da Campaña de verán para o ano 2025 que se detalla no anexo I (código de procedemento: BS303A), para facilitar que a xuventude galega poida participar en actividades de tempo libre de calidade.
As actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diferentes quendas durante os meses de xullo, agosto e setembro.
2. A información sobre a convocatoria desta campaña atoparase detallada na páxina web https://xuventude.xunta.galServizos ofertados
1. As persoas participantes nas actividades xuvenís da programación da Campaña de verán 2025 disporán dos seguintes servizos:
a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial que posibilite a participación da persoa moza.
b) O aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil, campamento xuvenil ou aloxamento turístico.
c) A manutención en réxime de pensión completa.
d) O material necesario para o desenvolvemento da actividade xuvenil.
e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con discapacidade que por razón das súas necesidades especiais precisen apoio, disporase de persoal que conte coa formación e experiencia necesarias para atendelas.
f) A atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
g) No caso de intercambios noutras comunidades autónomas, o transporte desde Santiago de Compostela, que será o punto de saída, ata o lugar de destino do intercambio, así como o retorno ata o mesmo punto de saída. O traslado ata Santiago de Compostela o día de saída e o traslado para a recollida da persoa menor, no mesmo lugar, o día de retorno, serán por conta da persoa interesada. No suposto de abandono da actividade ou expulsión da persoa participante, serán responsabilidade das persoas proxenitoras, titoras legais ou acolledoras o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que se ocasionen.
2. A incorporación e a recollida das persoas participantes nas actividades en Galicia será por conta da persoa interesada nos termos que indique a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, na páxina web https://xuventude.xunta.gal
No suposto de abandono da actividade ou expulsión da persoa participante, serán responsabilidade das persoas proxenitoras titoras legais ou acolledoras o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que se ocasionen.
3. A participación nas actividades xuvenís ofertadas nesta convocatoria estará suxeita, unha vez adxudicada unha actividade tras o sorteo, ao pagamento do prezo fixado no anexo I, epígrafes A, B, C e D, de conformidade co establecido nos artigos 8, 10, 11 e 13 desta orde.

Persoas participantes
1. Poderán solicitar a súa participación nas actividades xuvenís ofertadas nesta convocatoria as persoas mozas residentes en Galicia, nacidas no ano sinalado no anexo I para cada actividade. Para participar nestas actividades, o/a menor solicitante deberá ter expedido e en vigor o DNI ou NIE na data de presentación da solicitude.
2. En canto ás idades mínima e máxima para participar na Campaña de verán 2025, as persoas nacidas no ano 2016 deberán ter 9 anos ao inicio do campamento e as persoas nacidas no ano 2007 non poderán facer os 18 anos antes da finalización do campamento.
3. Para ser admitida/o no campamento será necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio. Para estes efectos, as persoas admitidas deberán comunicar se padecen algunha enfermidade transmisible con risco de contaxio cubrindo a epígrafe correspondente do anexo III-Cuestionario de saúde e autonomía persoal e declaración de saber nadar.
Para os campamentos que inclúan na súa programación actividades acuáticas, é requisito saber nadar, sen prexuízo do sinalado para as persoas con discapacidade no número 5.
4. Ningunha persoa participante poderá ser admitida en máis dun campamento nesta convocatoria. A praza adxudicada será intransferible.
5. As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán facer constar esta circunstancia na epígrafe que figura no anexo de solicitude, co fin de planificar os apoios persoais necesarios, se os precisa.
Para facilitar a selección dos campamentos e instalacións xuvenís máis axeitadas ás condicións das persoas participantes, a programación de actividades e as características das instalacións en que se desenvolven poderanse consultar na páxina web https://xuventude.xunta.gal
En función do tipo de discapacidade, poderá exceptuarse, de ser o caso, o requisito de saber nadar.
No caso de persoas participantes cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %, deberase optar, de conformidade co artigo seguinte, polas prazas do procedemento xeral indicadas no anexo I, epígrafe A, no anexo I, epígrafe B (minicampamentos Coñece Galicia) e no anexo I, epígrafe D (intercambios noutras comunidades autónomas), ou polas prazas reservadas para inclusión relacionadas no anexo I, epígrafe C. Para tal efecto, deberán indicar no anexo de solicitude se solicitan ou non unha praza reservada para inclusión.
6. As persoas menores en situación de tutela ou garda pola Administración e que se encontren en acollemento residencial poderán participar nesta convocatoria, esta condición deberá indicarse no anexo de solicitude marcando o recadro correspondente.
7. O incumprimento dos requisitos sinalados neste artigo impedirá a participación da persoa solicitante no campamento.

Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

USO DE INSTALACIÓNS XUVENÍS PARA A REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DE LECER EDUCATIVO E TEMPO LIBE DURANTE A CAMPAÑA DE VERÁN 2025 PARA COLECTIVOS XUVENÍS

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 10 de abril de 2025 pola que se convoca o procedemento para a concesión do uso de instalacións xuvenís para a realización de programas de lecer educativo e tempo libre durante a campaña de verán 2025 para colectivos xuvenís (código de procedemento BS304A).

Obxecto
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca o procedemento de concesión do uso das súas instalacións xuvenís dentro da programación da campaña de verán 2025, para o desenvolvemento de programas de lecer e tempo libre, sen ánimo de lucro, dirixidas á xuventude, nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no anexo I (código de procedemento BS304A).

Servizos ofertados e duración das quendas
1. O uso das instalacións ofertadas suporá dispoñer:
a) Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.
O primeiro servizo de alimentación será o xantar do día da incorporación e o último será o xantar do último día de estadía concedida.
b) Do material, excepto o correspondente ás actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación e que, no caso dos campamentos, comprende tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.
c) Dos servizos da xerencia e persoal de servizos de restauración e limpeza das ditas instalacións.
2. Exclúese dos servizos ofertados o traslado ata a instalación xuvenil, tanto o día de chegada como o de saída, que serán por conta da entidade ou grupo destinatario. Igualmente, para o Campamento da Illa de Ons exclúese o traslado en barco ata a illa.
3. As instalacións, prazas e quendas ofertadas son as recollidas no anexo I.
O número de prazas e de días que se soliciten pode ser inferior ao máximo ofertado.

Entidades e grupos destinatarios
Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:
a) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.
b) Os consellos locais e municipais de xuventude.
c) As corporacións locais.
d) Outras entidades públicas ou privadas debidamente constituídas que realicen actividades coa xuventude.
e) Os grupos de persoas mozas non asociadas que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para a realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Unha persoa integrante do grupo asumirá o papel de representante deste e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como destinatario, lle corresponden ao grupo e, en consecuencia, a todas as persoas que o forman. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes
1. De acordo co establecido nos números 2 e 3 do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do artigo 10.2 da Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. No caso da solicitude de instalacións para o desenvolvemento de actividades de tempo libre, no número de prazas solicitadas polas entidades e/ou grupos relacionados no artigo 3 incluiranse as correspondentes ás persoas integrantes do equipo de animación e calquera outra, relacionada coa entidade ou grupo, que vaia estar na instalación durante o período solicitado.
3. O prazo de presentación de solicitudes será de 7 días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

CONVOCATORIA PROBAS DE ACCESO ÁS ENSINANZA DEPORTIVAS PARA O CURSO 2025/2026

 Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2025/26.

SUBVENCIÓNS PARA A ADQUISICIÓN DE BICICLETAS CON PEDALEO ASISTIDO E BICICLETAS DE MAN HÍBRIDAS OU ELÉCTRICAS PARA CADEIRAS DE RODAS 2025 E 2026

 Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 21 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para as anualidades de 2025 e 2026 (códigos de procedemento IF319A e IF319B).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto:
1. Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IF319B), así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IF319A), e convocalas para as anualidades 2025 e 2026.
2. Aprobar os formularios normalizados para a xestión da convocatoria que figuran como anexos a esta orde:
– Anexo I. Solicitude de adhesión pola entidade colaboradora.
– Anexo II. Solicitude de axuda.
– Anexo III. Autorización para a representación.
– Anexo IV. Solicitude de pagamento.
3. Publicar o convenio de colaboración para a xestión das axudas para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo V).

Persoas beneficiarias das subvencións
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas maiores de idade que realicen a actuación subvencionable establecida no artigo 3 desta orde e estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, e que non obtivesen axuda para a mesma clase de obxecto subvencionado con cargo á Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 12 de xullo de 2022 nin do 27 de abril de 2023.
Adicionalmente, no caso de axudas para a adquisición de bicicletas de man, a persoa solicitante deberá xustificar un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir na data de presentación das solicitudes.

Contía máxima das axudas
O importe máximo da axuda por bicicleta de pedais nova con pedaleo asistido, que cumpra os requisitos técnicos e de equipamento establecidos no artigo 3 desta orde, será de 500 euros por bicicleta e persoa beneficiaria; non obstante, no caso de persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa, o dito importe será de 600 euros, e de 700 euros no caso de que a familia numerosa sexa de categoría especial; no caso das bicicletas de man híbridas ou eléctricas, o importe máximo da axuda será, en todo caso, de 700 euros. En todo caso, cada persoa beneficiaria só poderá recibir unha axuda pola adquisición dunha única bicicleta con pedaleo asistido ou bicicleta de man.
A cantidade da subvención non poderá ser superior do 50 % do prezo da bicicleta con pedaleo asistido para unha persoa beneficiaria xeral, do 60 % para persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa e do 70 % para persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa con categoría especial ou adquirentes dunha bicicleta de man.
Para os efectos desta convocatoria considéranse persoas beneficiarias integrantes de familia numerosa aquelas que cumpran os requisitos establecidos na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, no momento de presentar a súa solicitude.

Forma e lugar de presentación de solicitudes
1. A tramitación do procedemento de solicitude de axuda (código de procedemento IF319B) realizarase a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publique na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade https://ebici.xunta.gal
2. As entidades colaboradoras presentarán as solicitudes de axuda por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), accedendo desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou directamente no url: https://ebici.xunta.gal

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 16 de maio de 2025, ás 10.00 horas, e finalizará o 13 de novembro de 2026 ou cando se esgoten os fondos.

AMPLIACIÓN XERAL DOS PRAZOS NOS PROCEDEMENTOS ADMINISTRATIVOS A CONSECUENCIA DA INTERRUPCIÓN XENERALIZADA DA SUBMINISTRACIÓN ELÉCTRICA ACAECIDA O DÍA 28 DA ABRIL DE 2025

 Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2025, da Secretaría Xeral da Presidencia, pola que se dá publicidade á Resolución da Presidencia da Xunta de Galicia do 29 de abril de 2025, pola que se dispón a ampliación xeral dos prazos nos procedementos administrativos a consecuencia da interrupción xeneralizada da subministración eléctrica acaecida o día 28 de abril de 2025.

PROGRAMA DE AXUDAS PARA A PROMOCIÓN DE VIVENDA ACCESIBLE EN GALICIA 2025

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para a promoción de vivenda accesible na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2025 (código de procedemento VI435D).

Obxecto, modalidades e réxime de concesión das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do programa de axudas para a promoción de vivenda accesible na Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as dúas modalidades que se describen a continuación, as cales se tramitarán co código de procedemento VI435D:
Modalidade A: Promoción de vivendas e outras modalidades residenciais tipo cohousing, vivendas interxeneracionais ou similares, de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian destinar a alugueiro ou cesión en uso.
Modalidade B: Promoción de vivendas protexidas de nova construción ou procedentes da rehabilitación dirixidas á compravenda.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2025, con carácter plurianual.
3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas privadas que teñan no seu obxecto social a promoción de vivendas de nova construción ou procedentes da rehabilitación e as cooperativas de vivendas en réxime de autopromoción ou autoconstrución, que cumpran os requisitos previstos nas bases reguladoras.
2. As entidades beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a contarse unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2025.
Non obstante o anterior, se antes da finalización do devandito prazo se esgotase o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria, terase por rematado o prazo de presentación de solicitudes nesa data. O dito esgotamento será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
2. O prazo de presentación de solicitudes poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.

PROGRAMA DE AXUDAS ÁS ACTUACIÓNS DE MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA EN VIVENDAS 2025

 Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2025 pola que se convoca o Programa de axudas ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2025, con carácter plurianual (código de procedemento VI406E).

Obxecto e réxime de concesión
1. Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, coa finalidade de financiar actuacións ou obras de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas, para a anualidade 2025, con carácter plurianual (código de procedemento VI406E).
2. A concesión das subvenciones recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 45.1 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Ao abeiro dos artigos 41 e 42 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias de vivendas, sempre que constitúan o seu domicilio habitual e permanente no momento de solicitar a axuda. Esta circunstancia acreditarase mediante certificación ou volante de empadroamento.
2. As persoas beneficiarias das axudas poderán facultar e autorizar, mediante o correspondente acordo, que un axente ou xestor da rehabilitación actúe por conta daquelas. O axente ou xestor da rehabilitación é aquela persoa física ou xurídica, ou entidade pública ou privada, que poida realizar actuacións de impulso, seguimento, xestión e percepción de axudas públicas, mediante mecanismos de cesión do dereito de cobramento ou similares, acceso ao financiamento, elaboración de documentación ou proxectos técnicos ou outras actuacións necesarias para o desenvolvemento das actuacións subvencionables, ao abeiro do artigo 8 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.
3. As persoas beneficiarias e, de ser o caso, o axente ou xestor da rehabilitación que actúe por conta daquelas destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, o cal comeza a contar unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día en que se inicie a presentación de solicitudes. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Non obstante o anterior, se antes da finalización do devandito prazo se esgota o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria, terase por rematado o prazo de presentación de solicitudes nesa data. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

XORNADA DE AUTOCOIDADO

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2025 pola que se convoca a Xornada de Autocoidado.

Obxectivos
Os principais obxectivos desta xornada serán os seguintes:
• Poñer en valor a importancia do autocoidado nos/nas profesionais que prestan axuda a outras persoas.
• Desenvolver habilidades para a xestión e regulación emocional.
• Explorar técnicas prácticas que contribúan á redución do estrés e ao mantemento do equilibrio emocional.
• Facilitar a creación dun plan de autocoidado para integrar na vida diaria.

Contidos
O programa desta actividade estará estruturado en tres bloques:
• Ferramentas para a xestión e regulación emocional dos/das profesionais que axudan.
• Obradoiro: Coidar das que coidan; como sobrevivir á sobrecarga emocional.
• Obradoiro: Tres estratexias para o meu coidado.

Persoas destinatarias
As persoas destinatarias desta actividade son o persoal dos centros de información á muller de Galicia (CIM); do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren Violencia de Xénero (CRI); do Centro de Emerxencia para Mulleres en Situación de Violencia de Xénero (CEMVI); das casas de acollida; das oficinas de atención á vítima e á cidadanía de Galicia; así como o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que presta servizos na Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e na Dirección Xeral de Promocións da Igualdade ou nas unidades administrativas de Igualdade das xefaturas territoriais das delegacións da Xunta de Galicia.

Desenvolvemento
Modalidade de impartición: presencial.
Horario: das 11.00 ás 13.30 e das 15.00 ás 17.30 horas.
Duración: 5 horas lectivas.

Data e lugar de desenvolvemento:
• 1ª edición: xoves 22 de maio de 2025, na EGAP; rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
• 2ª edición: xoves 19 de xuño de 2025, na Delegación Territorial de Pontevedra; avenida Mª Victoria Moreno, 43.
• 3ª edición: xoves 2 de outubro de 2025, na Delegación Territorial de Ourense; avenida da Habana, 79.
• 4ª edición: xoves 23 de outubro de 2025, na Delegación Territorial de Lugo; rolda da Muralla, 70.

Número de prazas
Vinte e cinco (25) en cada unha das edicións.

Inscrición
1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos na bases terceira e oitava, respectivamente.
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Igualdade e violencia de xénero) e despois seleccionar en «nome do curso» só unha das edicións da Xornada de Autocoidado: Santiago, Pontevedra, Ourense ou Lugo.
5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará habilitado desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 8 de maio de 2025.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

ÉPOCAS HÁBILES DE CAZA, AS MEDIDAS DE CONTROL POR DANOS E OS RÉXIMES ESPECIAIS POR ESPECIES DURANTE A TEMPADA 2025-2026

 Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2025-2026.


lunes, 28 de abril de 2025

MODIFICACIÓN.-APLICACIÓN DOS PAGAMENTOS DIRECTOS Á AGRICULTURA E Á GANDARÍA E DAS AXUDAS AO DESENVOLVEMENTO RURAL

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de abril de 2025 pola que se modifica a Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239G, MR239K, MR239O, MR239Q, MR240D, MR241C e MR241D).


AXUDAS DESTINADAS A FOMENTAR O ASOCIACIONISMO E A PARTICIPACION DAS MULLERES 2025

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 8 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento SI437A).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixinen o mantemento e o funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.
b) Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Poderán ser obxecto de subvención na liña 1 as actuacións de mantemento e funcionamento ordinario da entidade solicitante, xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, ambos os dous incluídos.
Poderán ser obxecto de subvención na liña 2 as actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas realizadas no período comprendido entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025, ambos os dous incluídos.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres as asociacións de mulleres e as federacións constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, que teñan domicilio social en Galicia e estean inscritas na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

AXUDAS PARA PROGRAMAS DE CALIDADE DESENVOLVIDAS POR CONSELLOS REGULADORES DE DENOMINACIÓNS DE CALIDADE AGROALIMENTARIAS E SE CONVOCAN PARA 2025

 Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias e se convocan para 2025 (código de procedemento MR302B).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas que, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, vai conceder a Axencia Galega da Calidade Alimentaria para actuacións relacionadas coa implantación e desenvolvemento de programas de mellora e control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos amparados por algunha denominación xeográfica de calidade das reguladas no capítulo II do título III da Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, ou acollidos á produción ecolóxica á que se refire o capítulo IV do mesmo título da dita lei, así como efectuar a convocatoria para o ano 2025.

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas os consellos reguladores das distintas denominacións de calidade agroalimentaria existentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non incorran nalgunha das prohibicións do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir os requisitos do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

BOLSAS DE FORMACIÓN NA DIRECCIÓN XERAL DE COMERCIO E CONSUMO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2025

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 7 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN225A).

Obxecto
Bolsas de formación que teñen como obxectivo contribuír á formación titorial de profesionais no campo da actividade comercial e do seu ámbito.

Persoas beneficiarias
Persoas que teñan unha titulación universitaria de licenciada/o ou de grao para que complementen os coñecementos teóricos adquiridos nos seus estudos cunha formación práctica que lles permita afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional.

Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

jueves, 24 de abril de 2025

AXUDAS PARA O FOMENTO DA UTILIZACIÓN E MAQUINARIA AGRÍCOLA EN RÉXIME ASOCIATIVO EN GALICIA 2025

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de abril de 2025 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das axudas convocadas pola Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co Instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR351A).

AXUDAS PARA A PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA CONECTA CO VOLUNTARIADO EN GALICIA

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta co Voluntariado en Galicia, dirixido á mocidade de orixe galega ou descendente de persoas emigrantes galegas que resida no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR930C).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que rexerá o procedemento de adxudicación de axudas para participar no programa Conecta co Voluntariado en Galicia, que ten por finalidade facilitarlles a 50 mozas e mozos galegas/os de diferentes procedencias un maior coñecemento da realidade galega a través da realización dun traballo desinteresado co patrimonio natural e cultural de Galicia e outras actividades complementarias (código de procedemento PR930C).
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as 40 prazas destinadas no 2025 á mocidade de orixe galega residente no estranxeiro.
3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán optar a unha das prazas obxecto desta convocatoria para participar no programa Conecta co Voluntariado en Galicia a mocidade que cumpra os seguintes requisitos:
a) Ter unha idade comprendida entre os 21 e 30 anos o día 20 de xullo de 2025.
b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega residente no exterior.
c) Posuír a nacionalidade española.
d) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de 3 meses contados desde o día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
e) Carecer de discapacidades que lles impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
De acordo co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

miércoles, 23 de abril de 2025

TELEFORMACIÓN: A ECONOMÍA SOCIAL E A MODERNIZACIÓN DO SECTOR AGROALIMENTARIO: CERTIFICACIÓNS DE CALIDAE E MEDIOAMBIENTAIS



 

XORNADA FORMATIVA SOBRE OPORTUNIDADES DE NEGOCIO: PRODUCIÓN DE TÉ GALEGO

 



CURSO PARA A OBTENCIÓN DA CERTIFICACIÓN GALEGA EN COMPETENCIAS DIXITAIS NIVEL INICIACIÓN

 Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2025 pola que se convoca un curso para a obtención da certificación galega en competencias dixitais (ComDix) no seu nivel de iniciación, na modalidade de teleformación titorizada.

Obxecto
Obter a certificación galega de competencias dixitais, regulada polo Decreto 123/2021, de 2 de setembro (DOG número 181, do 20 de setembro), no seu nivel Iniciación, tras a adquisición, mediante a superación dun curso na modalidade de teleformación titorizada e avaliación continua, dos coñecementos, destrezas e actitudes necesarios no ámbito dixital e a súa posterior avaliación.

Destinatarios e requisitos técnicos
1. Poderán participar nesta acción formativa as persoas maiores de 16 anos ou que os fagan antes do remate do prazo de inscrición.
2. Para o correcto seguimento desta actividade, as persoas solicitantes deberán dispor e ter acceso a:
a) Un ordenador con conexión á internet de banda larga.
b) Un navegador actualizado (recoméndase Google Chrome).
c) A unha conta de correo electrónico activa.

Organización do curso
1. Número de prazas: 300.
2. Duración: 250 horas lectivas.
3. Modalidade: teleformación titorizada con aproveitamento activo e avaliación continua, a través da plataforma de teleformación da rede CeMIT.
4. Datas de realización: desde o 26 de maio ata 28 de decembro de 2025, como máximo.Contido e seguimento das actividades
No curso desenvolverase o seguinte programa formativo, configurado por bloques temáticos, que se irán abrindo de forma secuencial e cun tempo máximo de realización para cada un deles.
Cada un dos bloques será accesible para os participantes de forma individualizada unha vez que superen o anterior, adaptados así ao seu propio ritmo de seguimento da actividade formativa:

Bloques temáticos
Empezamos! Que nivel de competencias teño? Introdución ao Marco galego de competencias dixitais.
ComDix iniciación I: coñece a contorna dixital.
ComDix iniciación II: ten a información dixital sempre á man; buscar, seleccionar e gardar.
ComDix iniciación III: tecnoloxías dixitais para conversar, compartir e colaborar.
ComDix iniciación IV: participa na sociedade dixital; as vantaxes da administración electrónica.
ComDix iniciación V: crea contidos dixitais con ferramentas ofimáticas e multimedia.
ComDix iniciación VI: atopa o benestar dixital; tecnoloxía con «sentidiño».
2. Para poder superar cada un dos bloques temáticos e poder continuar co seguinte é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:
– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas e superadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no cuestionario final de cada bloque, que se realizará en liña.
– A superación do cuestionario final do bloque que para os efectos se estableza. O alumnado disporá de dous intentos e deberá responder de forma correcta un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.
3. A superación de cada bloque temático dará dereito á obtención dun diploma de aproveitamento por cada un deles.
4. A realización total do itinerario formativo, é dicir, unha vez superados todos os bloques temáticos dentro do prazo establecido, dará dereito á expedición do certificado de competencias dixitais (ComDix-iniciación), que realizará de oficio a Amtega.

Solicitudes de participación
1. As persoas que desexen participar no curso convocado nesta resolución deberán ser maiores de 16 anos e inscribirse na páxina web da rede CeMIT https://cemit.xunta.gal
2. Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario/a da rede CeMIT no enderezo electrónico https://aulascemit.xunta.es/usuarios, para o cal é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.
3. O prazo para a inscrición será de dez (10) días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

DATAS DE REALIZACIÓN DAS PROBAS PARA A OBTENCIÓN DOS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA, NIVEIS CELGA 1,2,3 E 4.

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2025, da Secretaría Xeral da Lingua, pola que se fixan as datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, que foron convocadas mediante a Resolución do 3 de marzo de 2025 (código de procedemento PL500C).

Fixar as seguintes datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), convocadas mediante a Resolución do 3 de marzo de 2025:
Celga 4, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:
10 de maio de 2025, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: F, G, H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P e Q.

11 de maio de 2025, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: R, S, T, U, V, W, X, Y, Z, A, B, C, D e E.

– Celga 4, en Madrid:
10 de maio de 2025, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: F, G, H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q e R.

11 de maio de 2025, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: S, T, U, V, W, X, Y, Z, A, B, C, D e E.

– Celga 3, en Santiago de Compostela, en Ponferrada e en Madrid:
24 de maio de 2025, para todas as persoas admitidas.

– Celga 2, en Santiago de Compostela, en Ponferrada e en Madrid:
25 de maio de 2025, para todas as persoas admitidas.

– Celga 1, en Santiago de Compostela:
31 de maio de 2025, para todas as persoas admitidas.

Os centros de realización das probas serán:
– En Santiago de Compostela: o IES Antonio Fraguas Fraguas (rúa Londres, 10) –para o Celga 4, Celga 3 e Celga 2– e a Escola Galega de Administración Pública (rúa Madrid, 2) –para o Celga 1–.

– En Ponferrada: a Escola Oficial de Idiomas desta localidade (vía Río Burbia, s/n).

– En Madrid: a Casa de Galicia en Madrid (rúa de Casado del Alisal, 8).

As probas comezarán ás 9.00 horas, de modo que as persoas admitidas deberán presentarse, no centro que lles corresponda, con antelación suficiente. Na web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias) tamén se poderá consultar esta información, así como as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada nivel e localidade. Así mesmo, na web publicarase, na semana das probas correspondentes, a porta de acceso ao centro e a aula asignada a cada persoa para a realización da proba escrita. No caso daquelas persoas ás cales, atendendo a causas xustificadas, se lles concedese algún tipo de adaptación ou apoio, a Secretaría Xeral da Lingua comunicaralles directamente o día, a porta de acceso e a aula que se lles asigne.

Respecto da proba oral de cada nivel Celga, lémbrase que esta se realizará o mesmo día que a proba escrita. A hora concreta en que cada persoa deberá estar presente para realizar a dita proba oral publicarase no centro correspondente, así como na web da Secretaría Xeral da Lingua, unha vez que remate a proba escrita.

AXUDAS REGA 2025

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 2 de abril de 2025 pola que se autoriza a Fundación Cidade da Cultura de Galicia para outorgar subvencións, se aproban as bases reguladoras relativas ás axudas Rega e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT898A).

Obxecto
Ofrecer seis axudas para o desenvolvemento de proxectos artísticos con acompañamento de mentor a través de residencias. Para iso realizarase unha selección dun máximo de seis proxectos vinculados ás artes visuais, escénicas, musicais, deseño e artes dixitais valorando positivamente o enlace con outras disciplinas non recollidas nestas bases e tendo en conta o carácter híbrido da cultura actual. No caso das artes escénicas, concederanse un máximo de dúas axudas. A escolma será realizada en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

Persoas beneficiarias
Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas, que desenvolva un proxecto artístico vencellado ás artes visuais, escénicas, musicais, dixitais ou de deseño. Estas persoas deberán desenvolver as residencias de traballo nos espazos dispoñibles para este cometido na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, sempre que cumpran cos seguintes requisitos:
1. Cada proxecto pode ser presentado por unha persoa física individual, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas. Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha axuda por solicitude. Os proxectos serán de creación específica, orixinais e inéditos.
2. De non cumprir con algún dos requisitos ou non poder executarse dentro do prazo determinado pola convocatoria, o proxecto quedará automaticamente excluído, e procederá a devolución das cantidades xa desembolsadas da axuda.

Importe
Cada proxecto seleccionado recibirá unha axuda de oito mil euros (8.000 €). Nesta cantidade inclúense o seu desenvolvemento, os gastos de transporte, estancia, manutención e posibles gastos de presentación pública do proxecto. Se o conxunto dos gastos que ocasionase a residencia fose maior, a axuda non será superior á cantidade indicada. O importe da axuda estará suxeito ás retencións que sexan de aplicación e as persoas beneficiarias non terán ningún outro dereito de carácter económico.
Ademais das axudas recollidas no parágrafo anterior, a Fundación porá á disposición das persoas beneficiarias en calquera dos seis proxectos o seguinte:
– O espazo de traballo para poder ser utilizado un mínimo de tres semanas e un máximo de seis semanas, en condicións axeitadas para o seu uso, con conexión wifi, seguridade, limpeza e climatización.
– Os recursos humanos propios do seguimento técnico de cada proxecto, segundo a dispoñibilidade e o horario pactados de común acordo coas persoas beneficiarias dos proxectos seleccionados.
– A persoa mentora que acompañará cada proxecto.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes e da documentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

martes, 22 de abril de 2025

AXUDAS Á COOPERACIÓN PARA PROMOVER A PARTICIPACIÓN DE AGRICULTORES EN RÉXIMES DE CALIDADE DOS PRODUTOS AGRÍCOLAS E ALIMENTICIOS 2025

 Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á cooperación para promover a participación de agricultores en réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR362A).

Obxecto
A resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2025 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para promover a participación de agricultores nos réximes de calidade, de acordo coa intervención 7131 «Cooperación para promover a participación en réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios», do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, de conformidade coas disposicións aplicables á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader) (código de procedemento MR362A).
Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación no dito réxime, incluídos, de ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento dos requisitos do réxime. Non se considerarán subvencionables os custos internos ou de autocontrol. No caso das persoas beneficiarias por comezaren a actividade nunha nova orientación produtiva dentro da produción ecolóxica, os gastos deberán estar relacionados con esa nova orientación produtiva.
A contía da axuda será do 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación. Poderase cobrar un máximo de cinco anualidades e sempre dentro dos sete anos posteriores á incorporación ao réxime de calidade.
Non se tramitarán expedientes cuxa contía non supere os 50 €.

Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) que participen por primeira vez nalgún dos réximes de calidade dos produtos agroalimentarios definidos na letra b) do artigo 2, ou que participasen por primeira vez nos cinco últimos anos. En todo caso, a data de alta debe ser anterior á data final do período subvencionable que se defina en cada convocatoria.
No caso do programa de calidade relativo á produción ecolóxica, tamén terá a consideración de nova participación aquela que se refira a agricultores/as que, tendo previamente actividade no dito programa, inicien a actividade de produción ecolóxica con destino ao mercado en relación con algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación produtiva debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo. Para estes efectos, no anexo III recóllense, para distintas orientacións produtivas, os valores que se deben superar para considerar que a actividade ten vocación comercial e, polo tanto, está por riba dos valores do simple autoconsumo.
Quedan excluídas destas axudas as entidades que teñan a consideración de empresas en crise, segundo os criterios establecidos no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, así como as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 27 de maio de 2025.

SUBVENCIÓNS AO FOMENTO DA CONTRATACIÓN DE MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO 2025

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 2 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento SI461B).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de doce (12) mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.
Por medio desta convocatoria, as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero (código de procedemento SI461B).

2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, e reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiaras das subvencións:
a) As entidades sen ánimo de lucro.
b) As cooperativas sen ánimo de lucro segundo o establecido na disposición adicional cuarta da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da dita lei respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.
2. Para seren beneficiarias, as entidades e as cooperativas relacionadas no punto anterior deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
b) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

CONVOCATORIA PROBAS E INSTRUCIÓNS PARA O ACCESO E ADMISIÓN DO ALUMNADO NAS ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES DE GALICIA CURSO 2025-26

 Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan probas e se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado nas ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2025/26.

Obxecto
1. A presente resolución ten por obxecto convocar as probas de acceso aos estudos de grao en ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2025/26 e ditar instrucións sobre os aspectos organizativos e o desenvolvemento do procedemento.

2. Para o efecto de cumprir o punto anterior, dítanse as instrucións xerais, desígnanse os tribunais e publícanse os calendarios específicos para cada ensinanza artística superior nos seguintes anexos:
a) Anexo I: Ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática.
b) Anexo II: Ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.
c) Anexo III: Ensinanzas artísticas superiores de Deseño.
d) Anexo IV: Ensinanzas artísticas superiores de Música.

3. A oferta de prazas en cada centro de ensinanzas artísticas superiores será publicada a través do portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e dos taboleiros e páxinas web dos centros educativos correspondentes.

CONVOCATORIA DE PROBAS E INSTRUCIÓNS PARA O ACCESO E ADMISIÓN DO ALUMNADO NAS ENSINANZAS ARTÍSTICAS PROFESIONAIS DE ARTES PLÁSTICAS E DESEÑO DE GALICIA CURSO 2025/26

 Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan probas e se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado nas ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2025/26.

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar as probas de acceso para as ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño e ditar instrucións para o curso 2025/26 no ámbito da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para o efecto de cumprir o punto anterior, dítanse as instrucións xerais e establécense os anexos e calendarios específicos inseridos do seguinte xeito:
a) Acreditacións que permiten a exención das probas substitutivas do requisito de titulación para os accesos aos ciclos formativos de grao medio e grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño: anexo I.
b) Titulacións que permiten a exención das probas específicas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño: anexo II.
c) Temporalidade, configuración e cualificación da proba que substitúe os requisitos académicos de titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria no anexo III e de titulación de bacharelato no anexo IV.
d) Temporalidade, estrutura, contidos e cualificación da proba específica de acceso ao ciclo formativo de grao medio no anexo V e para o ciclo formativo de grao superior no anexo VI.
e) Resumo do calendario das probas de acceso ao ciclo formativo de grao medio e superior: anexo VII.
f) Documentación que as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude segundo corresponda para o acceso aos ciclos formativos de grao medio no anexo VIII e para os ciclos formativos de grao superior no anexo IX.
g) Orde de prelación para a asignación de prazas ás persoas aspirantes con acceso directo ao grao medio e ao grao superior: anexo X.
h) Composición da Comisión de Avaliación para o acceso aos ciclos formativos das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño: anexo XI.
i) Modelo de certificacións acreditativas de superación das probas: anexo XII.

3. A oferta de prazas en cada centro de ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño será publicada a través do portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (www.edu.xunta.gal) e dos taboleiros dos centros educativos correspondentes. Para a distribución da oferta de prazas en cada ciclo formativo e para a prelación na asignación das prazas ofertadas, observarase o disposto na Orde do 25 de xuño de 2007, modificada pola Orde do 15 de marzo de 2013, pola que se regulan o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

4. Segundo se establece no artigo 6 da Orde do 25 de xuño de 2007, modificada pola Orde do 15 de marzo de 2013, en cada escola de arte e superior de deseño ofertaranse as prazas dispoñibles para cada módulo no caso da oferta modular das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño. As condicións, os criterios e as probas de acceso serán os mesmos que os regulados para os ciclos formativos das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, segundo o establecido nesta resolución.

BOLSAS DO PROGRAMA SANTANDER EXCELENCIA 360º NO CURSO 2024/25

 Universidade de Vigo

EXTRACTO da Resolución do 10 de abril de 2025 pola que se convocan bolsas do programa Santander excelencia 360º no curso 2024/25.

Obxecto.
O obxecto desta convocatoria é facilitar o acceso á educación superior ao estudantado con excelentes expedientes académicos e fomentar a inclusión educativa velando polos criterios de igualdade e equidade social (económica ou cultural).

Persoas beneficiarias
Alumnado que rematou unha titulación de grao na Universidade de Vigo no curso 2023/24, que está matriculado no curso 2024/25 en 60 créditos dalgunha das titulacións de máster universitario da Universidade de Vigo e que ten unha nota de acceso ao máster igual ou superior a 8,5.

Contía
A contía total do crédito destinado a estas axudas será de doce mil euros (12.000 €).

Prazo de presentación de solicitudes
Desde o 11 de abril ata o 15 de maio de 2025.

miércoles, 16 de abril de 2025

PROGRAMA DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA (IEBT) 2025

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 2 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR340E).

Obxecto
Impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a convocatoria do Programa de incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica.
As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas dentro do primeiro ano de actividade:
a) Subvención á creación directa de emprego estable.
b) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
c) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.
d) Apoio á función xerencial.

Persoas beneficiarias
As empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, sempre que a maioría da titularidade da empresa lles corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e as condicións establecidos nesta orde para cada modalidade de axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará aos sete días naturais contados desde o día da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2025.

VIII PREMIO CGAC DE INVESTIGACIÓN E ENSAIO SOBRE ARTE CONTEMPORÁNEA, E SE CONVOCA PARA O ANO 2025

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 3 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do VIII Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea, e se convoca para o ano 2025 (código de procedemento CT143A).

Obxecto e finalidade
Tendo en conta a escaseza actual de canles especializadas en Galicia para publicar textos sobre arte contemporánea, o Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea ten por obxecto contribuír á investigación e produción de pensamento en arte contemporánea a través da presentación de traballos que sexan inéditos e redactados en lingua galega.

Beneficiarias
Pode participar no Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea calquera persoa física, maior de idade, que presente un texto inédito en galego, relacionado con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 1 de setembro de 2025.

viernes, 11 de abril de 2025

MODIFICACIÓN.- RESOLUCION 27 DE MARZO DE 2024, ÉPOCAS HÁBILES DE CAZA, AS MEDIDAS DE CONTROL POR DANOS E OS RÉXIMES ESPECIAIS POR ESPECIES DURANTE A TEMPADA 2024/25

 Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se modifica a Resolución do 27 de marzo de 2024 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/25.

Artigo único. Modificación da Resolución do 27 de marzo de 2024 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/25
Modifícase a Resolución do 27 de marzo de 2024 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/25, nos termos que se recollen a seguir:
Un. Modifícanse os puntos 2 e 3 do artigo 13. Danos producidos pola caza, do xeito seguinte:

1. Engádese no punto 2 a seguinte letra:
«d) Lobo (Canis lupus): por danos constatados desta especie, poderanse autorizar esperas, batidas e montarías durante todo o ano, salvo nos meses de abril, maio e xuño, en que unicamente se poderán autorizar esperas (códigos de procedemento administrativo MT720K e MT720L). A existencia de danos deberá ser comunicada ao Servizo Provincial de Patrimonio Natural co fin de proceder á súa comprobación, como requisito previo á autorización da práctica cinexética sobre esta especie. As persoas solicitantes de cada batida, montaría ou espera autorizadas deberán informar, por escrito, o Servizo Provincial de Patrimonio Natural correspondente dos seus resultados nun prazo máximo dos cinco días hábiles seguintes ao da súa realización (código de procedemento administrativo MT720D). O incumprimento deste requisito poderá supor a denegación doutras solicitudes e a anulación automática das xa autorizadas. En todo caso, observarase o disposto no plan de xestión desta especie, aprobado polo Decreto 297/2008, do 30 de decembro».

As solicitudes de autorización de medidas de control nos terreos incluídos nas zonas de xestión 1 e 2 do Decreto 297/2008, do 30 de decembro, serán resoltas pola persoa titular do departamento territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural resolver as solicitudes de autorización de medidas de control nos terreos incluídos na zona de xestión 3 do Decreto 297/2008, do 30 de decembro.

3. Para os danos producidos polas especies indicadas nas alíneas a), b), c) e d) do punto anterior, en terreos cinexéticos de réxime especial, as solicitudes formularaas a persoa titular do dereito de aproveitamento. En terreos de aproveitamento cinexético común, as solicitudes formularaas a persoa ou persoas prexudicadas polos danos detectados, e cando os danos sexan xeneralizados, as persoas titulares do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza, por petición motivada dos concellos afectados e logo do informe técnico do Servizo Provincial de Patrimonio Natural, poderán autorizar a caza mediante as modalidades e os medios que consideren máis adecuados, establecendo as condicións particulares para levar a cabo a cazaría. As persoas participantes nestas cazarías serán determinadas polos concellos mediante un sorteo público entre as persoas cazadoras que o soliciten, e darase prioridade ás persoas propietarias dos bens afectados.

Dous. Modifícase o punto 2 do artigo 16. Réximes especiais por especies aprobados despois de oídos os comités provinciais de caza e o Comité Galego de Caza, que queda redactado do xeito seguinte:

«f) Lobo (Canis lupus): queda prohibida, con carácter xeral, a súa caza en Galicia e poderán adoptarse medidas de control fronte aos danos producidos pola especie, de acordo co reflectido no artigo 13.2.d) desta resolución».

Tres. No anexo II. Relación de especies cazables no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2024/2025, na epígrafe de mamíferos, engádese á especie lobo (Canis lupus).

Disposición derradeira única. Eficacia
Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

GALICIA EXPORTA ORGANISMOS INTERMEDIOS 2025

 Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2025), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG421A).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto impulsar a posta en marcha de proxectos de internacionalización que reforcen a proxección e o posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais. Para iso, fomentarase a realización conxunta de accións de promoción no exterior, promovendo cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas os organismos intermedios empresariais de Galicia.
Consideraranse, así mesmo, beneficiarias as empresas que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento núm. 651/2014 da Comisión, incluso autónomos, que teñan un centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia con polo menos un traballador no momento da presentación da axuda e que participen directamente nas accións subvencionadas e ás que se lles imputará a axuda de minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado. Cada peme participante deberá declarar o cumprimento dos requisitos de peme e as axudas de minimis solicitadas e/ou concedidas nos tres anos previos á concesión da axuda.
As empresas deben estar dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do final do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse transcorridos 5 días hábiles a contar desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2025, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.

AXUDAS FOEXGA 2025

 Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas Foexga (Fomento das exportacións galegas), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IG422B), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IG422A), e se realiza a súa convocatoria para o ano 2025 en réxime de concorrencia non competitiva.

Obxecto
Aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas Foexga coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das pemes galegas, así como a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.
O obxectivo principal destas axudas é conseguir a internacionalización real das pemes galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores. As actuacións que engloban están dirixidas a:
a) Aumentar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica, das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.
d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Entidades beneficiarias
Serán entidades beneficiarias as empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que cumpran a definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia con polo menos un traballador no momento de presentación da axuda.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin da execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.
d) Que conten con presenza nos medios dixitais internacionais, contando como mínimo cunha páxina web con versión en inglés.
e) Que estean ao día das súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiarias da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
f) Que cumpran a normativa de axudas de minimis segundo o previsto no artigo 2.3 das bases reguladoras.
g) Que estean ao día de pagamentos que deban ás cámaras.
h) As empresas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo para poder optar á subvención; no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa tanto directa como indirecta na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros de órgano de goberno, directivos ou xestores.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes da axuda (código de procedemento IG422B) iniciarase o día seguinte hábil ao da finalización do prazo de adhesión das entidades colaboradoras, contado desde as 9.00 horas do día do inicio do prazo e finalizará ás 14.00 horas do 31 de outubro de 2025, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito. O prazo de adhesión das entidades colaboradoras será de 5 días hábiles contados a partir do día seguinte hábil ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (código de procedemento IG422A).