viernes, 29 de octubre de 2021

PROGRAMA MONTAÑA EN FAMILIA

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

ORDE do 27 de outubro de 2021 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas para estadías de fin de semana a familias de especial consideración dentro do programa Montaña en familia na estación de montaña de Manzaneda para o ano 2021 (código de procedemento BS423F).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de prazas para estadías de fin de semana a familias de especial consideración dentro do programa Montaña en familia na estación de montaña de Manzaneda para o ano 2021 (código de procedemento BS423F).

Familias beneficiarias do programa
1. Poderán ser beneficiarias do programa Montaña en familia, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, as seguintes familias de especial consideración residentes na Comunidade Autónoma de Galicia:
a) As familias numerosas.
b) As familias monoparentais.
c) As familias acolledoras.
d) As familias vítimas de violencia de xénero.
2. Para os efectos desta orde, enténdese por unidade familiar a composta por todos os membros que figuran no título de familia numerosa, no certificado de familia monoparental, así como, se é o caso, a formada polas persoas acolledoras e vítimas de violencia de xénero e todos/as os/as fillos/as a cargo.
Terán a consideración de fillos ou fillas tamén as persoas en situación de adopción ou acollemento familiar.
Ningunha persoa pode ser beneficiaria de máis dunha estadía de fin de semana con cargo a esta convocatoria.

Requisitos das familias beneficiarias
Serán beneficiarias do programa Montaña en familia aquelas que reúnan os seguintes requisitos:
a) Que a persoa solicitante forme parte dunha unidade familiar das indicadas no artigo 2 desta orde.
b) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazas convocadas
1. Convócanse para este ano 600 prazas para participar en estadías de fin de semana dentro do programa Montaña en familia durante as fins de semana do mes de novembro e as dúas primeiras do mes de decembro.
Enténdese por praza, para os efectos desta convocatoria, a que ocupa individualmente cada un dos membros da unidade familiar seleccionada.
2. As estadías comprenden desde o venres pola noite ata o domingo ao mediodía.
3. Cada familia seleccionada só poderá desfrutar dunha estadía na estación de montaña.

Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes
1. Cada unidade familiar poderá presentar, a través dunha persoa que a represente, unha solicitude para a adxudicación de prazas para estadías de fin de semana preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes será 10 días hábiles. Este prazo comezará a computarse desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.