miércoles, 27 de octubre de 2021

DATAS DE REALIZACIÓN DAS PROBAS PARA A OBTENCIÓN DOS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA NIVEL CELGA 2, 3 E 4

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se fixan as datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2, 3 e 4, no ano 2021, que foron convocadas mediante a Resolución do 26 de agosto de 2021 (código de procedemento PL500C).

Fixar as seguintes datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), convocadas mediante a Resolución do 26 de agosto de 2021:

– Celga 4, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

20 de novembro de 2021, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: Y, Z, A, B, C, D, E, F, G, H, I, J, K e L.

21 de novembro de 2021, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T, U, V, W e X.

– Celga 3, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

27 de novembro de 2021, para todas as persoas admitidas.

– Celga 2, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

28 de novembro de 2021, para todas as persoas admitidas.

Os centros e horarios de realización das probas, así como as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada nivel e localidade, poderán consultarse na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias). Así mesmo, na web tamén se publicará a porta de acceso ao centro e mais a aula que lle corresponde a cada persoa para a realización da proba escrita. No caso daquelas persoas ás que, atendendo a causas xustificadas, se lles concedese algún tipo de adaptación ou apoio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística comunicaralles directamente o día, a porta de acceso e a aula correspondentes.

Respecto da proba oral de cada nivel Celga, lémbrase que esta será posterior á proba escrita. A hora concreta en que cada persoa deberá estar presente para realizar esta proba publicarase no centro correspondente, así como na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias), unha vez que remate a proba escrita.

Debido ás circunstancias excepcionais derivadas da pandemia da COVID-19, co fin de protexer a saúde propia e a dos demais, todas as persoas que se van presentar ás probas deberán respectar as seguintes medidas:
– Tanto o día previo á proba como o día da proba, deberán tomar a súa temperatura e observar se teñen síntomas respiratorios. As que presenten síntomas compatibles coa COVID-19, as que fosen diagnosticadas coa enfermidade e as que estean en illamento ou corentena por contacto estreito con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada nos últimos 10 días non poderán acudir á proba.

– Ademais do documento de identificación persoal (DNI, NIE ou pasaporte) e dun bolígrafo, deberán ir provistas de máscara (cirúrxica ou FFP2), que lles tape o nariz e a boca. Recoméndase o uso de xel hidroalcohólico individual, ben que no centro haberá dispensadores de xel para a hixiene das mans.

– Manterán a distancia de seguridade de 1,5 metros.

– Presentaranse na porta de acceso correspondente e dirixiranse á súa aula seguindo os sinais establecidos e as indicacións do persoal da organización. Non se permitirá a entrada de acompañantes nin doutras persoas alleas á proba, agás no caso daquelas que precisen asistencia.

– Respectarán todas aquelas outras medidas que se establezan e se publiquen na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias), co fin de garantir un desenvolvemento seguro de todo o proceso.