lunes, 13 de mayo de 2019

SUBVENCIÓNS NOS PROCESOS DE CERTIFICACIÓN, SEGUIMENTO E RENOVACIÓN DAS NORMAS UNE QUE CONDUZAN Á OBTENCIÓN E/OU MANTEMENTO DA MARCA Q DE CALIDADE TURÍSTICA

AXENCIA TURISMO DE GALICIA


Obxecto
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Turismo de Galicia, para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á obtención, seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE (código de procedemento TU970A).
2. Consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE, correspondentes ao ano 2019 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2019. Concretamente, serán subvencionables:
• Os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, facturados por entidade auditora acreditada polo ICTE para a realización da auditoría de certificación, seguimento ou renovación. Só se terán en conta as xustificacións de gasto con data da auditoría de certificación posterior, quedando excluídos os gastos xerados polo persoal dependente dos establecementos, así como aqueles gastos en que incorra o solicitante durante o proceso de implantación da correspondente norma UNE. Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría do ano 2019.
• Os custos derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2019, unha vez acadada a certificación, seguimento e/ou renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento.
3. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos ou servizos turísticos que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrita a actividade turística para a cal se solicita a axuda no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), de conformidade cos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos, do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos indicados polo solicitante na solicitude de subvención.
En caso contrario, deberase achegar coa solicitude a documentación acreditativa da titularidade e/ou representación. Neste caso, a Axencia de Turismo de Galicia instará de oficio a actualización desa información no REAT.
2. Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución pola que se establecen as bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Prazo de xustificación
Para xustificar a realización da actividade subvencionada, as persoas beneficiarias terán de prazo ata o 30 de novembro de 2019.