lunes, 20 de mayo de 2019

CONVOCATORIA DE PRAZAS NAS RESIDENCIAS XUVENIS DA CONSELLERIA DE POLITICA SOCIAL PARA O CURSO 2019-20

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas para as residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e convocar para o curso académico 2019/20, en réxime de concorrencia competitiva, 216 prazas para persoas mozas, de 16 a 30 anos, nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social (procedementos BS303B, prazas de residencias xuvenís para estudantes, e BS303D, prazas de residencias xuvenís para persoas traballadoras).
Con esta oferta póñense as residencias xuvenís ao servizo da mocidade que, por razóns de estudo ou traballo, se vexa obrigada a permanecer fóra do concello onde ten a súa residencia habitual.

2. O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias son as seguintes:

Cidade                     Residencia                                        Núm. prazas

Lugo                 Centro Residencial Xuvenil LUG       74 Home/muller

Ourense              Florentino López Cuevillas                55 Home/muller

Vigo                              Altamar                                    87 Home/muller

3. Do total de prazas resérvase un 9 % para mozos e mozas que desempeñen unha actividade profesional, tanto se é por conta propia como allea, distribuídas do seguinte xeito:

Cidade                      Residencia                                        Núm. prazas

Lugo                Centro Residencial Xuvenil LUG          7 Home/muller

Ourense              Florentino López Cuevillas                 5 Home/muller

Vigo                           Altamar                                        8 Home/muller

No suposto de que non se cubran todas as prazas reservadas a persoas que desenvolvan unha actividade profesional coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes ofertaranse a estudantes.

4. Así mesmo, do total de prazas resérvase tamén un 9 % para o caso de mozas que sufran violencia de xénero ou para mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen. A distribución de prazas é:

Cidade                       Residencia                                       Núm. prazas

Lugo                Centro Residencial Xuvenil LUG          7 Home/muller

Ourense                Florentino López Cuevillas               5 Home/muller

Vigo                                  Altamar                                 8 Home/muller

Ao igual que no caso de reserva para a mocidade traballadora, no suposto de que non se cubran todas as prazas coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes ofertaranse a estudantes.

5. Cando o número de solicitudes supere a reserva establecida, para a adxudicación das prazas aplicaranse os criterios de selección establecidos no artigo 9.

Requisitos das persoas solicitantes
1. Poderán optar ás prazas obxecto da presente convocatoria as persoas mozas que reúnan os seguintes requisitos xerais:
a) Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.
b) Non ter perdido a condición de residente por causa imputable á persoa solicitante.
c) Ter os 16 anos cumpridos e non superar os 30, na data do 31 de decembro de 2019.
2. Requisitos específicos para as persoas mozas estudantes:
a) Cursar estudos de formación profesional ou ciclos formativos, de bacharelato, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente ou ben, mentres non se xeneralice a implantación dos novos títulos universitarios, estudos universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo nunha facultade ou escola universitaria ou estudos superiores en ensinanzas artísticas.
Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios, nos cales a persoa solicitante non obteña a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia habitual.
b) Que no concello onde radique a súa residencia habitual non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar o/a solicitante.
3. Requisitos específicos para as persoas mozas traballadoras:
a) Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia habitual da persoa solicitante.
b) No caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida, que teña unha duración mínima de 3 meses contados desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
c) No caso de ser unha persoa traballadora por conta propia, será necesario que estea dada de alta no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social, con anterioridade á publicación da presente convocatoria.

Solicitude, presentación e prazo
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, anexo I para as solicitudes de prazas de residencias xuvenís para estudantes e o anexo II para as solicitudes de prazas de residencias xuvenís para persoas traballadoras.
2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde.
O día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.
5. As solicitudes que non se presenten na forma, no lugar e no tempo sinalados nos números 1 e 4 serán inadmitidas, agás que o número de solicitudes fose inferior ao número de prazas ofertadas, caso en que poderían admitirse e baremarse segundo o establecido no artigo 9.
6. Con carácter excepcional, poderanse presentar solicitudes fóra do prazo establecido no número 4 no caso de cambio de concello de residencia da unidade familiar. As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir xunto coa xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, a súa admisión estará condicionada á existencia de prazas dispoñibles no centro onde se solicite a praza.
7. Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, a xefatura territorial correspondente requirirá a persoa solicitante para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixera, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de resolución que será ditada nos termos do artigo 21 desa lei.