lunes, 20 de mayo de 2019

AXUDA PARA A CONCILIACIÓN DA MATERNIDADE E PATERNIDADE DA PERSOA AUTÓNOMA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, unha vez finalizada a súa baixa por maternidade ou paternidade, contraten unha persoa para ampliar a súa conciliación da vida familiar e laboral.
2. Mediante a presente axuda permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para a contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade do seu proxecto empresarial.

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de persoas traballadoras por conta propia ou autónomos que, segundo o anexo I, teñan o seu centro de traballo (ou domicilio social, no caso de careceren deste) na Comunidade Autónoma de Galicia, que gozasen dunha baixa por maternidade ou paternidade e que no prazo dos quince días seguintes ao da súa finalización contraten unha persoa traballadora por conta allea.
2. Tamén serán beneficiarias as sociedades que realicen unha contratación nas mesmas condicións que no parágrafo anterior con respecto ás persoas autónomas societarias.

Prazo de presentación de solicitudes
As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables presentaranse desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2019.