martes, 7 de mayo de 2019

BASES REGULADORAS DAS ACCIÓNS FORMATIVAS DO PLAN FORMATIVO PARA O EMPREGO DE GALICIA PARA O PERÍODO 2019-2021

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto as convocatorias públicas como a execución das accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas, xestionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través das súas xefaturas territoriais (procedemento TR301K).
Para o exercicio das funcións que lle corresponden segundo estas bases reguladoras, as xefaturas territoriais poderán actuar a través das unidades administrativas competentes en materia de formación profesional para o emprego, das oficinas de emprego e dos centros de formación profesional para o emprego a elas adscritos.
2. As convocatorias das subvencións previstas nesta orde realizaranse mediante réxime de concorrencia competitiva.
3. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2019-2021.
4. As convocatorias públicas que se realicen no marco destas bases regularán os aspectos do financiamento e da execución das accións formativas que se subvencionen, con relación aos exercicios orzamentarios que indiquen expresamente e respectando o contido que se establece no capítulo IV, así como no resto da normativa aplicable.

Entidades beneficiarias
1. Poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refiren estas bases, as entidades que, na data de entrada en vigor da correspondente convocatoria, sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados no correspondente certificado de profesionalidade ou tivesen solicitada a inscrición mediante declaración responsable nesa data na correspondente especialidade formativa non vinculada a certificado de profesionalidade, na Administración pública competente para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para o caso de que a convocatoria o recolla, poderanse realizar accións formativas a través de centros móbiles e homologacións provisionais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que non contan con centros acreditados ou inscritos (formación á porta).
2. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, aquelas nas cales concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.
A xustificación polas entidades solicitantes de non estar incursos en ningunha das anteditas circunstancias, realizarase mediante unha declaración responsable que deberá incluír no modelo de solicitude que se contén no anexo VI de cada convocatoria, cuxo contido deberá respectar o que establece o artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como referirse á capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, e de aulas, talleres e instalacións en xeral, para asumir a xestión da totalidade dos cursos que solicita, que dispón da documentación que acredita tal cumprimento e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida, ademais de que se compromete a manter os ditos requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito.
A presentación dunha declaración responsable que falsee as condicións requiridas para a concesión da subvención ou oculte as circunstancias que a impedisen ou limitasen, poderá ter a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
3. Coa finalidade de garantir o cumprimento das exixencias deste artigo, as aplicacións informáticas de rexistro de centros/entidades de formación e SIFO contarán con controis específicos e poderá procederse a unha comprobación por mostra estatística por parte de persoal técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria (servizos periféricos e Servizo de Verificación) ou da entidade contratada para o efecto, durante calquera das fases, da que poderán derivarse, de ser o caso, as consecuencias sinaladas no número 2 para os supostos de falseamento do contido das declaracións responsables.
4. Será requisito para a concesión de subvencións a entidades locais titulares de entidades ou centros de formación, que teñan cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas as contas xerais de cada exercicio.

Solicitudes, documentación e prazo
1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes mediante a aplicación SIFO, ou no enderezo directo https://sede.xunta.gal
As ditas solicitudes dirixiranse á xefatura territorial en cuxa provincia se imparta a correspondente acción formativa.
Cada entidade de formación so poderá formular, como máximo, unha solicitude en cada unha das provincias do territorio galego, e incluirá nela todas e cada unha das accións formativas para as que solicita subvención nos correspondentes centros de cada provincia, dentro da súa capacidade real de execución e con respecto aos límites e requisitos que se determinan nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.
Para os posibles efectos de desempate as accións formativas para as que se solicita subvención deberán ir ordenadas en función da prioridade de impartición que lles outorgue a entidade solicitante, de xeito que os centros que se consideren prioritarios figuren en primeiro lugar na solicitude e, dentro de cada centro, as accións formativas se ordenen tamén de maior a menor priorización.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365.).
A documentación complementaria, tanto a presentada na solicitude como noutras fases do procedemento, presentarase electrónicamente, mediante a presentación do documento orixinal de se tratar dun documento dixital, ou da imaxe electrónica do documento orixinal, de se tratar dun documento en papel. Neste último caso, a imaxe electrónica adaptarase ao previsto do Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, e na Resolución do 19 de xullo de 2011, da Secretaría de Estado para a Función Pública, pola que se aproba a Norma técnica de interoperabilidade de dixitalización de documentos.
As imaxes electrónicas aplicarán os formatos establecidos para ficheiros de imaxe na Norma técnica de interoperabilidade do catálogo de estándares; o nivel de resolución mínimo para imaxes electrónicas será de 200 píxeles por polgada, tanto para as imaxes obtidas en branco e negro, cor ou escada de grises; a imaxe electrónica será fiel ao documento orixe (respectará a xeometría do documento orixe en tamaños e proporcións, non conterá caracteres ou gráficos que non figurasen no documento de orixe e a súa xeración realizarase por un medio fotoeléctrico).
A Administración actuante poderán solicitar o cotexo das copias achegadas pola entidade, para o cal poderase requirir a exhibición do documento ou da información orixinal. Para estes efectos, a entidade interesada deberá conservar o documento orixinal por un prazo de 5 anos desde a presentación da imaxe electrónica.
As imaxes electrónicas que acheguen as entidades interesadas ao procedemento administrativo terán eficacia exclusivamente no ámbito da actividade das administracións públicas.
As imaxes electrónicas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
Para cada número de censo poderanse solicitar, como máximo, o número de edicións por especialidade que se determinen na correspondente convocatoria, na cal tamén poderán indicarse excepcións ao dito límite.
No caso de que se solicite impartir máis dunha especialidade por aula deberá manifestarse expresamente na declaración responsable que, de acordo co disposto no artigo 5.3 do Decreto 106/2011, do 19 de maio, polo que se crea o Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego e se regula o procedementos para a súa inscrición e, se for o caso, a acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, as especialidades poden impartirse cos mesmos medios.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados nas bases reguladoras e/ou correspondente convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a solicitante para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, considerarase desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

3. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os aspectos seguintes:
a) Que, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:
– Non se solicitaron nin se concederon ningunha outra axuda para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención.
– De se solicitar e/ou conceder outras axudas para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención, deberán relacionarse.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.
c) Que non está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.
d) Que non está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
f) Que os lugares de impartición dos cursos serán aqueles que están inscritos ou acreditados para tal fin, nos termos do artigo 15 da Lei 30/2015, do 9 de setembro e do artigo 6.1 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e que cumpren e manterán as condicións e requisitos que exixe a normativa aplicable á correspondente especialidade formativa, nomeadamente, a obriga de impartir a formación nos espazos e cos medios formativos acreditados e/ou inscritos para tal fin, así como a de manter as exixencias técnico-pedagóxicas, de instalacións, equipamento e medios humanos tidas en conta para a acreditación ou inscrición da especialidade.
g) Que coñece as estipulacións da presente orde, que cumpre cos requisitos sinalados nela e que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada.
h) Que a entidade conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, así como de aulas, talleres e instalacións en xeral, para asumir na súa totalidade a execución completa dos cursos que solicita.
i) Que a entidade dispón da documentación que acredita o cumprimento dos anteriores aspectos e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida, ademais de que se compromete a manter os ditos requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito.
j) Que a entidade asume que a presentación das declaracións responsables a que se refire a presente orde falseando ou ocultando circunstancias que impedisen ou limitasen a concesión da subvención ou o seu pagamento, así como que alterasen a puntuación obtida na baremación, poderá ter a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.