martes, 21 de mayo de 2019

BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS, PARA A POSTA EN MARCHA DE LABORATORIOS COOPERATIVOS NO RURAL, ANOS 2019-2020

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 30 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a posta en marcha de laboratorios cooperativos no rural, e se convocan para os anos 2019 e 2020.

Obxecto e finalidade
Dinamizar a economía local, identificando oportunidades de negocio no territorio e seleccionando un grupo de persoas interesadas en iniciar unha actividade económica no dito sector a través da constitución dunha cooperativa ou unha sociedade laboral, a través dos seguintes programas:
Programa I, dirixido á dinamización da economía local mediante fórmulas de economía social, a través de entidades mentoras que identifiquen oportunidades de negocio no seu territorio e seleccionen un grupo de persoas interesadas en iniciar unha actividade económica nun determinado sector, ao cal lle impartirán a formación específica necesaria nesa área de actividade, así como asesoramento e acompañamento.
Programa II, dirixido a fomentar e promover o emprendemento colectivo baixo fórmulas de economía social no ámbito da Comunidade Autónoma, concederanse axudas económicas que faciliten a posta en marcha dos proxectos empresariais resultantes dos laboratorios cooperativos no rural previstos no programa I.

Entidades beneficiarias
Os concellos de Galicia, mancomunidades de municipios, áreas metropolitanas e consorcios locais; asociacións de entidades de economía social, asociacións e fundacións que teñan entre os seus fins a promoción do cooperativismo e da economía social, do emprendemento ou o desenvolvemento económico ou local; e empresas privadas (entidades tractoras) para o programa I e cooperativas ou sociedades laborais de nova creación constituídas como resultado dun laboratorio cooperativo no rural, para o programa II.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia para o programa I, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito. Para o programa II comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 1 de outubro de 2019, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.