martes, 21 de agosto de 2018

SUBVENCIÓNS DOS PROGRAMAS DE FOMENTO DE MELLORA DA EFICACIA ENERXÉTICA E SUSTENTABILIDADE EN VIVENDAS E DE FOMENTO DA CONSERVACIÓN, DA MELLORA DA SEGURIDADE DE UTILIZACIÓN E DA ACCESIBILIDADE EN VIVENDAS DO PLAN ESTATAL DE VIVENDA 2018-2021

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO


Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das seguintes axudas de rehabilitación (código de procedemento VI422E) previstas no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021:
a) Liña A, axuda ao fomento de mellora da eficacia enerxética e da sustentabilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade, con especial atención á envolvente edificatoria.
b) Liña B, axuda ao fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas liñas de axudas para a anualidade 2018, con carácter plurianual.
3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta resolución:
a) As persoas físicas, así como as persoas xurídicas de natureza privada, xa sexan propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva e das vivendas ubicadas nestes edificios.
b) As comunidades de persoas propietarias, así como as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
c) As agrupacións de persoas propietarias.
d) As sociedades cooperativas compostas por agrupacións de persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de división horizontal, así como por persoas propietarias que conforman comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
e) As empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios, así como as cooperativas, que acrediten a dita condición mediante contrato coa propiedade que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto das dúas liñas de axudas previstas nesta resolución.
f) As persoas físicas arrendatarias dunha vivenda que asuman, en virtude dun acordo coa persoa arrendadora, o custo das actuacións de rehabilitación que correspondan, a cambio do pagamento da renda.
2. No caso das axudas da liña A), para obras de mellora da eficiencia enerxética e a sustentabilidade, tamén poderán ser beneficiarias as empresas de servizos enerxéticos.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará, en todo caso, no momento de esgotamento do crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.