viernes, 10 de agosto de 2018

BOLSAS DE FORMACIÓN PRÁCTICA EN MERCADOS EMISORES

AXENCIA TURISMO DE GALICIA


Obxecto
A aprobación das bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a concesión de oito bolsas de formación práctica especializada en mercados emisores, en réxime de concorrencia competitiva, nas seguintes cidades: Londres, París, Berlín, Os Ánxeles, São Paulo, Bruxelas, Cantón e Milán.
O programa formativo desenvolverase ao longo dos anos 2018 e 2019 cunha duración máxima de 10 meses, contados desde a data da incorporación das persoas bolseiras.
A data prevista de incorporación dos/das bolseiros/as aos seus destinos é o 1 de outubro de 2018 está condicionada á dispoñibilidade nas oficinas das consellerías de turismo en destino; en todo caso, manterase a duración total de 10 meses contados a partir da data de incorporación da persoa bolseira.
A Axencia Turismo de Galicia reserva para si a facultade, se existen circunstancias que o xustifiquen e o órgano competente de Turespaña está conforme, de adscribir os/as bolseiros/as a outras oficinas temporal ou definitivamente. No caso de que iso implique desprazamentos, a Axencia Turismo de Galicia faríase cargo deles.
Para poder ser beneficiario/a das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo III desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7.2 das bases reguladoras.
Persoas beneficiarias
Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:
1. Nacionalidade: ser español/a ou nacional dun Estado membro da Unión Europea.
2. Titulación: estar en posesión, na data de aceptación da bolsa, dun grao universitario ou titulación homologada ou equivalente.
Poderán participar no proceso de selección aqueles candidatos que no momento de presentación das solicitudes teñan superadas todas as materias do grao e estean pendentes da presentación e defensa do traballo de fin de grao. Estes candidatos deberán acreditar estar en posesión do título universitario no momento de aceptación da bolsa. O título achegado non poderá ser anterior ao 31 de decembro de 2014.
Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais deberán estar validados ou recoñecidos oficialmente polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
3. Linguas:
a) Galego: os solicitantes deberán acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.
b) Outras linguas:
b.1) Para as bolsas de Londres, París, Berlín, Os Ánxeles, Milán e São Paulo deberase acreditar o coñecemento da lingua oficial do país.
b.2) Para a bolsa de Bruxelas deberase acreditar o coñecemento das linguas francesa ou inglesa.
b.3) Para a bolsa de Cantón deberase acreditar o coñecemento das linguas chinesa ou inglesa.
O nivel de coñecemento acreditarase mediante o título da escola oficial de idiomas ou outras institucións oficiais dentro do Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL) e será o seguinte:
– Nivel B2 na lingua oficial do país para as bolsas de Londres, Berlín, Os Ánxeles e París.
– Nivel B2 en francés ou inglés para a bolsa de Bruxelas.
– Nivel B2 en chinés ou inglés para a bolsa de Cantón.
– Nivel B1 na lingua oficial do país para as bolsas de São Paulo e Milán.
4. En ningún caso poderán ser beneficiarios/as destas bolsas aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios dela en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios das bolsas e que renunciasen a elas con posterioridade á súa aceptación.
Prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.