martes, 14 de agosto de 2018

CONVOCATORIA CURSOS LINGUAXE ADMINISTRATIVOA GALEGA E CURSOS PREPARATORIOS CELGA

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
Convocar, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, presenciais e en liña, e cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), para o curso 2018/19, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican nos anexos I e II, respectivamente.
Os cursos impartiranse entre setembro de 2018 e maio de 2019, en horario de mañá ou de tarde.

Solicitudes e prazos de inscrición
As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de inscrición telemática no enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na secretaría da escola oficial de idiomas correspondente unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
O alumnado con necesidades educativas especiais indicará na súa solicitude a acreditación do seu grao de discapacidade. A EOI poñerá esta circunstancia en coñecemento dos equipos de orientación específicos dependentes da xefatura territorial respectiva para que se determinen as adaptacións pertinentes.
Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.
O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o día 3 ata o 12 de setembro de 2018, para os cursos do primeiro cuadrimestre (outubro-xaneiro); e desde o 2 ata o 11 de xaneiro de 2019, para os cursos do segundo cuadrimestre (febreiro-maio).
A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado.

Persoas beneficiarias dos cursos
Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega.
As persoas solicitantes destes cursos poderán facer unha única solicitude de inscrición por cuadrimestre con tres preferencias priorizadas de grupos. En caso de adxudicación de praza en máis dun curso, o/a alumno/a deberá optar por un só curso nunha soa escola.
Para conseguir o axeitado rendemento e o aproveitamento do curso hai que procurar a homoxeneidade dos coñecementos do alumnado. Polo tanto, á hora de formular a solicitude dun curso dun determinado nivel Celga deberase ter en conta a definición de contidos previstos na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo (corrección de erros no DOG núm. 178, do 13 de setembro).

Datas de realización dos cursos
As datas de inicio e remate dos cursos que figuran no anexo I son orientativas. As datas concretas de inicio faranse públicas nos taboleiros de anuncios da escola oficial de idiomas en que terá lugar o curso e na súa páxina web.
1. Os cursos en liña do primeiro cuadrimestre comezarán o día 29 de outubro de 2018 e rematarán o 20 de xaneiro de 2019.
2. Os cursos en liña do segundo cuadrimestre comezarán o día 25 de febreiro e rematarán o 12 de maio de 2019.
3. As datas de inicio e remate dos cursos presenciais que figuran no anexo II son orientativas. As datas concretas de inicio faranse públicas nos taboleiros de anuncios da escola oficial de idiomas en que terá lugar o curso e na súa páxina web.