martes, 7 de agosto de 2018

SUBVENCIÓNS DE VALORIZACIÓN DAS PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS DA INDUSTRIA FORESTAL GALEGA

AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL


Obxecto
1. Poderán ser subvencionables os proxectos de investimento realizados por pequenas e medianas empresas descritas no artigo 2 desta resolución nos seus procesos de produción e que teñan como obxectivo aumentar a competitividade mediante procesos produtivos ou técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados favorecendo a minoración do impacto ambiental.
2. Considéranse subvencionables os seguintes investimentos:
a) Compra de maquinaria nova, sempre que esté adscrita a procesos produtivos novos ou a elaboración e fabricación de novos produtos, técnicas de secado, preparación ou tratamento que supoñan á valorización de produtos existentes, incrementando o seu valor ou a extensión do seu catálogo.
b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.
c) Tecnoloxías da información e comunicación (TIC) expresamente ligados aos procesos de valorización ou á produción de novos produtos ou técnicas que incrementen o valor unitario de seus produtos ou o seu catálogo.
d) Outros bens de equipamento que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.
e) Proxectos ou estudos de enxeñaría, ou deseño adscritos aos procesos ou técnicas anteriores, sempre que se acrediten xunto con investimentos en procesos produtivos.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) do sector da industria radicadas en Galicia que utilicen a madeira, a resina, a cortiza ou outros produtos forestais procedentes do monte, exceptuando os produtos agroalimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
2. As empresas deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Deberán cumprir a normativa ambiental, que se acreditará cunha declaración responsable da persoa solicitante de que a empresa cumpre coa dita normativa.
b) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e un contrato de prevención de riscos laborais antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.
c) Deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou dados de alta nalgún código CNAE que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data da fin do prazo de solicitude.
3. Non poderán acadar a condición de persoa beneficiaria:
a) Aquelas persoas solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme á normativa comunitaria.
c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.