viernes, 5 de febrero de 2016

SUBVENCIÓNS PARA A REHABILITACIÓN CON GRANITO DAS FACHADAS DE EDIFICACIÓNS EXISTENTES

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


 Obxecto 
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto fomentar a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivenda existentes contribuíndo a embelecer o tecido construtivo galego cun material de fácil colocación e respectuoso co ambiente a vez que se mellora a eficiencia enerxética.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os particulares ou as comunidades de propietarios, sempre que a actuación subvencionable descrita no artigo 2 se realice en vivendas illadas ou edificios de vivenda colectiva, sitos na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarios, as persoas físicas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.
3. En ningún caso o obxecto da subvención se destinará nin se adscribirá a ningunha actividade empresarial ou profesional.
4. Os beneficiarios obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.
 Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes será dende o 20 de xaneiro de 2016 ao 20 de abril de 2016, ambos os dous incluídos, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito.
No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedinte acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da Consellería.