lunes, 8 de febrero de 2016

AXUDAS A ESTUDANTES UNIVERSITARIOS DE 2º E POSTERIORES CURSOS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
O obxecto desta orde é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula no curso académico 2015/16 dos alumnos e alumnas de segundo e posteriores cursos matriculados en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica nunha universidade do Sistema universitario de Galicia.
Requisitos dos/as solicitantes
Poderán solicitar estas axudas os alumnos e alumnas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española, ou doutro país da Unión Europea ou países terceiros, cando se acredite a condición de residente en España.
b) Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os cales solicita a axuda.
c) Estar matriculado en segundo e posteriores cursos nunha universidade do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2015/16 dun mínimo de 60 créditos en ensinanzas conducentes a unha titulación oficial de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica nunha universidade do Sistema universitario de Galicia, agás o alumnado ao cal lle quede un número inferior de créditos para rematar os seus estudos que deberá estar matriculado como mínimo de 45 créditos.
d) Ter sido beneficiario/a da bolsa de carácter xeral do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte no curso académico 2013/14 ou no 2014/15 e non ter obtido esta no curso 2015/16.
e) Ter superado no curso 2014/15 a seguinte porcentaxe dos créditos matriculados, excluíndo os validados, recoñecidos ou adaptados:
• En estudos pertencentes á rama de coñecemento de Ensinanzas Técnicas (enxeñaría ou arquitectura), igual ou superior ao 60 % e menos do 65 %.
• En estudos pertencentes ás ramas de Artes e Humanidades ou de Ciencias Sociais e Xurídicas, igual ou superior ao 80 % e menos do 90 %.
f) Non estar incluídos nos casos de exención total de matrícula previstos no artigo 11 do Decreto 90/2015, do 18 de xuño (DOG núm. 123, do 2 de xullo), polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para o curso 2015/16.
g) Que a renda da unidade familiar non supere os seguintes limiares:
• Familias de 1 membro: 14.112,00 euros.
• Familias de 2 membros: 24.089,00 euros.
• Familias de 3 membros: 32.697,00 euros.
• Familias de 4 membros: 38.831,00 euros.
• Familias de 5 membros: 43.402,00 euros.
• Familias de 6 membros: 46.853,00 euros.
• Familias de 7 membros: 50.267,00 euros.
• Familias de 8 membros: 53.665,00 euros.
A partir do oitavo membro engadiranse 3.391,00 euros por cada novo membro computable da familia.
Prazo de solicitude
 O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.