lunes, 15 de febrero de 2016

PROGRAMA CONECTA CON GALICIA DIRIXIDO A MOZOS/AS DE ORIXE GALEGA QUE RESIDAN NO EXTERIOR

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto regular as axudas correspondentes ao programa «Conecta con Galicia» para o ano 2016, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2016.
Persoas beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter a súa residencia habitual fóra de Galicia.
b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.
c) Ter a nacionalidade española.
d) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para aquelas persoas solicitantes que teñan 18 ou máis anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Este requisito non será exixible ás persoas participantes procedentes do resto de España.
e) As persoas participantes en actividades de aire libre deberán ter, en 30 de xuño de 2016, unha idade comprendida entre os 14 e os 20 anos.
f) As persoas participantes na modalidade de campos de traballo deberán ter, en 30 de xuño de 2016, unha idade comprendida entre os 20 e os 30 anos.
g) Non ter participado na mesma modalidade en edicións anteriores deste programa.
h) Para as prazas financiadas ao 100 % da axuda da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a dúas veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria. Para as persoas solicitantes residentes en Cuba, os ingresos non poderán ser superiores á prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o ano desta convocatoria.
Para as prazas financiadas ao 50 % da axuda da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a catro veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria.
Malia o disposto nos parágrafos anteriores, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto neles, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.
Para o resto das prazas, non se establecerá límite de ingresos.
2. Terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.
3. A unidade económica familiar estará integrada pola persoa solicitante, os pais e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao que convivan con ela, así como, se é o caso, o cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de corenta (40) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.