miércoles, 3 de febrero de 2016

AXUDAS A ACCIÓNS DE PROMOCIÓN EXTERIOR CONXUNTAMENTE DAS EMPRESAS GALEGAS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


 Proxectos obxecto de apoio e exclusións
1. Co obxectivo de incentivar a realización de accións de promoción no exterior de modo conxunto favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape, poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para facilitar a internacionalización das empresas ás que representan:
a) Misións empresariais directas ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país extranxeiro, sempre que beneficien a máis dunha empresa galega dun sector ou sectores complementarios. Mínimo 4 empresas.
b) Accións (que beneficien máis dunha empresa galega dun sector ou sectores complementarios) do tipo de: participación en feiras ou en outros eventos expositivos (desfiles, catas,…) que teñan lugar no estranxeiro, excepto que nese evento estea programada outra participación agrupada subvencionada pola Xunta, a non ser que non se poida participar na acción por exceso de cupo ou outras causas non imputables ao solicitante da axuda. Mínimo 4 empresas.
c) Misións empresariais inversas de importadores, distribuidores, medios de comunicación ou outro tipo de prescritores estranxeiros ou de empresas ou organismos estranxeiros, co obxecto de dar a coñecer ao exterior as posibilidades empresariais galegas e/ou para sondar posibles fórmulas de cooperación, sempre que beneficien a máis dunha empresa galega dun sector ou sectores complementarios. Mínimo 4 empresas.
d) Campañas de publicidade en prensa, revistas, televisión, internet ou outros medios, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro e sempre que se trate de campañas de promoción dun sector empresarial galego ou de varias empresas galegas (mínimo 5 empresas) do mesmo sector ou sectores complementarios con similares intereses en determinados mercados.
e) Elaboración de material promocional como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte, e que contribúan á divulgación e coñecemento no estranxeiro, sempre que se realice para un sector empresarial galego ou para varias empresas galegas (mínimo 5 empresas) do mesmo sector ou sectores complementarios con similares intereses en determinados mercados.
f) Plataformas sectoriais de internacionalización (accións para estudo de mercado, procura de clientes, promoción on-line, etc.) nas que se beneficie a máis dunha empresa galega (mínimo 5 empresas).
g) Xestión de tramitación de certificacións, homologacións e rexistros de marca e patentes para o estranxeiro que beneficien a máis dunha empresa galega dun sector determinado. Mínimo 5 empresas.
h) Xestión de licitacións internacionais que beneficien a máis dunha empresa galega dun sector determinado. Mínimo 3 empresas.
i) Proxectos cooperativos en destino para implantación promocional e prospección de mercados. Establecemento de oficinas de promoción en destino. Sempre que beneficien a un sector empresarial galego ou a máis dunha empresa galega (mínimo 5 empresas) do mesmo sector ou sectores complementarios.
2. Só se concederá un expediente por Organismo Intermedio beneficiario, no que se poderán incluír varias actuacións das mencionadas.
3. Non se concederá axuda a aquelas solicitudes que, unha vez avaliadas, resulten cun gasto subvencionable inferior a 5.000 €.
4. Debe tratarse de proxectos de promoción que se inicien en 2016 con execución de gasto entre o 4 de xaneiro e 29 de xullo de 2016 teñan ou non continuación a partir desa data. Non se admitirán proxectos que se inicien a partir do 29 de xullo de 2016 e que –polo tanto– soliciten só orzamento de 2017.
5. No caso de que así o solicite o organismo, poderá terse en conta o proxecto presentado aos efectos de asignación de destino ao organismo solicitante, dun bolseiro do programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización, que o Igape aprobe para tal fin.
A asignación no seu caso terá en conta a orde de puntuación resultante do baremo establecido no artigo 6.2 destas bases.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os organismos intermedios empresariais de Galicia. Por organismos intermedios empresariais enténdese: as asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas, e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2015 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).
Enténdese por cluster empresarial para os efectos destas bases as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que xestione a agrupación clúster.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos terase en conta a definición establecida no artigo 2.18 do Regulamento (UE nº 651/2014 da Comisión do 17 de xuño de 2014). Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).
4. Consideraranse asimesmo beneficiarias ás empresas que participen directamente nas accións subvencionadas e imputaraselles a axuda de minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de xaneiro de 2016 rematará o 12 de febreiro de 2016.