lunes, 23 de mayo de 2022

USO DE INSTALACIÓNS XUVENÍS PARA A REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DE LECER EDUCATIVO E TEMPO LIBRE DURANTE A CAMPAÑA DE VERÁN 2022


 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

ORDE do 12 de maio de 2022 pola que se regula o uso de instalacións xuvenís para a realización de programas de lecer educativo e tempo libre durante a Campaña de verán 2022 para colectivos xuvenís (código de procedemento BS304A).

Obxecto
A Consellería de Política Social convoca a presente oferta do uso das súas instalacións xuvenís para a Campaña de verán 2022, nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no anexo I (código de procedemento BS304A).

Servizos ofertados e duración das quendas
O uso das instalacións ofertadas suporá dispoñer:
a) Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.
b) Do material, excepto o correspondente ás actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación e que, no caso dos campamentos, comprende tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.
c) Xerencia e persoal de servizos de restauración e limpeza das ditas instalacións.
O primeiro servizo de alimentación será o xantar do día da incorporación e o último será o xantar do último día de estadía concedida.
Os custos de traslado ata o centro da instalación xuvenil, tanto o día de chegada como o de saída, serán por conta da entidade ou grupo destinatario. No caso da Illa de Ons tampouco está incluído no prezo o traslado en barco ata a illa.
A duración das quendas e as instalacións ofertadas serán as recollidas no anexo I.

Entidades e grupos destinatarios
Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:
a) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.
b) Os consellos locais e municipais de xuventude.
c) As corporacións locais.
d) Outras entidades públicas ou privadas debidamente constituídas que realicen actividades coa xuventude.
e) Os grupos de persoas mozas non asociadas que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para a realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Unha persoa integrante do grupo asumirá o papel de representante deste e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como destinatario, lle corresponden ao grupo e, en consecuencia, a todas as persoas que o forman. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes dos grupos de persoas mozas non asociadas presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
A presentación electrónica será obrigatoria para as demais entidades establecidas no artigo 3.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Os grupos de persoas mozas, non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. No caso da solicitude de instalacións para o desenvolvemento de actividades de tempo libre, no número de prazas solicitadas polas entidades e/ou grupos relacionados no artigo 3 incluiranse as correspondentes ás persoas integrantes do equipo de animación. Así mesmo, incluiranse, na devandita solicitude, as persoas que acompañen as persoas mozas en calidade de responsables destas ou outro persoal que vaia estar na instalación durante o período solicitado.
3. O prazo de presentación de solicitudes será de sete (7) días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.