miércoles, 11 de mayo de 2022

BASES REGULADORAS PARA A SELECCIÓN DE EMPRESAS E PROXECTOS QUE PARTICIPARÁN NO PROGRAMA DO POLO DE ACELERACIÓN DO SECTOR DOS VIDEOXOGOS

 AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a selección de empresas e proxectos, en réxime de concorrencia competitiva, que participarán no programa do Polo de aceleración do sector dos videoxogos, financiado ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207J).

Finalidade
Aprobar as condicións polas cales se rexerá a selección de empresas e proxectos por parte da Agadic para a súa participación no desenvolvemento e execución do Polo de aceleración do sector de videoxogos, coa finalidade de incentivar e estimular a profesionalización empresarial do sector de videoxogos e contidos interactivos.

Entidades beneficiarias
Novas empresas, físicas ou xurídicas, con menos de 10 meses de existencia, desde o seu inicio de actividade en calquera dos ámbitos da cadea de valor da industria dos videoxogos e contidos interactivos, con sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.