martes, 10 de mayo de 2022

PRÓRROGA PARA O ANO 2022 DAS SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DO BONO DE ALUGUEIRO SOCIAL PARA AS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

 INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2022 pola que se convoca a prórroga para o ano 2022 das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento VI482D).

Obxecto
Convocar a prórroga ata o 31 de decembro de 2022 das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero para todas as persoas que resultasen beneficiarias deste programa nos anos 2019, 2020 e 2021 e que non teñan esgotado o período máximo de duración da axuda, que non pode exceder os tres anos, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento VI482D).

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias desta prórroga aquelas persoas que, resultando beneficiarias desta axuda e non tendo perdido o dereito mediante a oportuna resolución nin esgotado o período máximo da súa duración, finalicen o seu período de desfrute durante o ano 2022 e cumpran os requisitos previstos no artigo 3.3 das bases reguladoras contidas na Orde do 11 de abril de 2019.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará o día 21 de novembro de 2022, nos seguintes termos:

– Naqueles supostos en que xa tivera rematado durante este ano 2022 o período de percepción da concesión inicial ou da prórroga do bono de alugueiro, a persoa beneficiaria disporá dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, para solicitar a prórroga da axuda.

– No suposto de que a concesión inicial ou a prórroga da axuda concedida non rematara na data de publicación desta resolución, a solicitude deberá presentarse dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial ou da prórroga que se estea desfrutando.