lunes, 16 de mayo de 2022

PROGRAMA DE AXUDAS ÁS ACTUACIÓNS DE REHABILITACIÓN A NIVEL EDIFICIO 2022, CON CARÁCTER PLURIANUAL

 INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2022 pola que se convoca o Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406F).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (Boletín Oficial del Estado núm. 239, do 6 de outubro de 2021) coa finalidade de financiar obras ou actuacións en que se obteña unha mellora acreditada da eficiencia enerxética, con especial atención á envolvente edificatoria nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, incluíndo as súas vivendas, e nas vivendas unifamiliares, para a anualidade 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406F).

Persoas beneficiarias
1. Ao abeiro do artigo 31 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias das axudas:
a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila e de edificios existentes de tipoloxía residencial de vivenda colectiva, así como das súas vivendas, ben sexan persoas físicas ou ben persoas xurídica de natureza privada.
b) As comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal.
c) As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal, así como as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actuacións que motiva a concesión da subvención.
d) As sociedades cooperativas compostas de forma agrupada por persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil, así como polas persoas propietarias que conforman comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme co disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal, e por cooperativas en réxime de cesión de uso das súas vivendas.
e) As empresas arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas que acrediten a dita condición, mediante contrato vixente, que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto do programa.
2. Cando resulten beneficiarias persoas xurídicas de natureza privada, deberán declarar expresamente na solicitude que se encontran debidamente constituídas, conforme coa normativa que lles resulte de aplicación.
Para que as entidades que carezan de personalidade xurídica propia sexan beneficiarias, coa excepción das comunidades de persoas propietarias, deberán facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención a aplicar por cada un deles. Nestes casos, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación con poderes bastantes.
3. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, agás a da letra e) dos citados artigos, relativa á obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social.
4. Cando a execución da actuación corresponda a varias persoas ou entidades beneficiarias, a axuda distribuirase en proporción ao custo e a responsabilidade asumido por cada unha.
5. Cando a persoa propietaria da vivenda e a persoa arrendataria dela acorden que esta última custee ao seu cargo as actuacións de rehabilitación que correspondan, a cambio do pagamento da renda, a persoa arrendataria poderá solicitar da comunidade de persoas propietarias ou, de ser o caso, da persoa propietaria única, a adopción do correspondente acordo que se require para solicitar estas axudas. Neste suposto a persoa arrendataria poderá ter a consideración de beneficiaria.
6. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o seguinte réxime en materia de axudas de estado:
a) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos tres anos fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa inferior a 200.000,00 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
b) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos 3 años fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa igual ou superior aos 200.000,00 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, aplicando a exención correspondente ás axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética regulada no artigo 38.
O sometemento a esta norma de exención comunitaria require o cumprimento das seguintes condicións:
1º. que se exclúan como posibles beneficiarias as empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do dito Regulamento (UE) nº 651/2014, e as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
2º. que a solicitude da axuda sexa anterior ao inicio das actuacións subvencionables, para cumprir o requisito de que a axuda teña efecto incentivador.
3º. que a intensidade da axuda non supere as porcentaxes sinaladas no artigo 38 do devandito Regulamento 651/2014, isto é o 35 % dos custos subvencionables que pode incrementarse nun 10 % para as medianas empresas e nun 20 % para as pequenas empresas. Para determinar o cumprimento da intensidade máxima de axuda debe terse en conta o importe total das axudas estatais concedidas para os mesmos custos subvencionables.

Prazo de presentación de solicitudes
As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 30 de novembro de 2022, agás que, con anterioridade, se esgotase o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.