miércoles, 22 de septiembre de 2021

SUBVENCIÓNS DESTINADAS Á REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DE INTERESE XERAL PARA FINS DE CARÁCTER SOCIAL

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

ORDE do 9 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado por esta consellería (código de procedemento BS623D).

Obxecto
O establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de axudas para a realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia (código de procedemento BS623D).
O contido dos programas deberá axustarse ás liñas de actuación sinaladas a seguir, segundo a tipoloxía de cada programa:
a) Liña I. Actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica.
b) Liña II. Actuacións de inclusión social.
c) Liña III. Actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio a persoas maiores ou con discapacidade.
d) Liña IV. Proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou con discapacidade.
e) Liña V. Actuacións destinadas á xuventude.
f) Liña VI. Actuacións destinadas ao voluntariado.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos, sen prexuízo de cumpriren os requisitos específicos establecidos no anexo I da orde para cada liña subvencionada, se é o caso:
a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico.
A/as entidade/s solicitantes de programas das liñas I, II, III e IV deberán estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social.
A/as entidade/s solicitantes de axudas para a realización de programas recollidos na liña V deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Xuvenís (REX) da Consellería de Política Social, agás no caso de entidades solicitantes de natureza fundacional legalmente constituídas que entre os seus fins inclúan actuacións destinadas á protección, promoción e mellora da xuventude.
A/as entidade/s solicitantes de programas da liña VI deberán estar inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia (RAV) da Consellería de Política Social.
O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio polo órgano da Administración convocante.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, a entidade solicitante acreditará que non reparte beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
d) Figurar nos estatutos da entidade solicitante que os seus fins institucionais corresponden á realización e a execución de programas sociais de similar natureza á dos programas para os cales solicita a subvención.
e) Acreditar experiencia e especialización durante un prazo mínimo de 2 anos, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na mesma liña do anexo I a que concorre, e que se posúen os medios persoais e materias necesarios para iso mediante declaración responsable do representante legal.
No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña IV, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña III do dito anexo I.
No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpran cada unha das entidades que a integran. No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades constituídas legalmente que se extinguen, entenderase cumprido o requisito se o cumpría a entidade que se extingue.
2. Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
3. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de entidades sen personalidade xurídica que recollan nos seus acordos de constitución similares fins institucionais nos seguintes termos:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.
b) As entidades agrupadas deberán achegar un acordo no cal indiquen os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará a cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios.
c) Deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación con poderes suficientes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.
d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Outros datos
Consideraranse como gastos subvencionables os que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resulten estritamente necesarios e que se efectúen durante o ano 2022 e sexan efectivamente pagados antes do 15 de febreiro de 2023.
O pagamento do 100 % do importe da subvención concedida realizarase dunha soa vez en concepto de anticipo, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución e, en todo caso, na anualidade 2021.
O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva e non se poderá conceder subvención ás solicitudes que non obteñan unha puntuación mínima global de 60 puntos.