lunes, 6 de septiembre de 2021

3ª EDICIÓN DO PROGRAMA RESPONSABILÍZATE

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2021 pola que se dá publicidade das bases reguladoras e da convocatoria para a selección de pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas ás cales se prestarán servizos do programa Responsabilízate (terceira edición) (código de procedemento TR320B).

Obxecto
É obxecto da presente resolución establecer os requisitos do proceso de selección das empresas ou entidades ás cales se prestarán os servizos do programa Responsabilízate, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2021 (TR320B).

Beneficiarias
a) Poderán ser beneficiarias do programa Responsabilízate as pequenas e medianas empresas (pemes), así como as persoas traballadoras autónomas, que teñan radicado o seu domicilio social ou que conten con algún centro de traballo en Galicia.
b) Ademais do especificado no punto anterior, deberán cumprir os seguintes requisitos:
1. Ter, cando menos, unha persoa traballadora por conta allea.
2. Non superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou ter un balance anual inferior a 43 millóns de euros.
3. Non ser entidades sen ánimo de lucro.

Servizos a que optarán as empresas beneficiarias do Programa:
1º. Análise do estado, potencial competitivo e situación da responsabilidade social empresarial (RSE). Trátase de avaliar o estado inicial da empresa exercendo un estudo completo nos diferentes ámbitos da empresa.
2º. Asesoramento e formación. As pemes participantes recibirán un módulo formativo para afondar no coñecemento e nas ferramentas da RSE. Asemade, as empresas recibirán un asesoramento individualizado para a construción dun plan de acción RSE.
3º. Plan de acción, implantación e seguimento das accións de RSE: a partir do informe de resultados da diagnose e da formación impartida, definirase a metodoloxía para a elaboración dun plan de acción individualizado para a implantación dun mínimo do 20 % das accións previstas no Plan de acción en RSE.

Forma e lugar de presentación de solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado incluído como anexo I desta resolución e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Prazo para presentación de solicitudes
1. O prazo estará aberto desde o día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia e ata que se acade o número de prazas máximo segundo a dispoñibilidade orzamentaria, que virá determinada pola contía de adxudicación do contrato de servizos do programa Responsabilizate.
2. Unha vez cuberto o número de prazas máximo, pecharase a inscrición, o que será comunicado a través da páxina web https://rse.xunta.gal e da sede electrónica da Xunta de Galicia.