lunes, 20 de septiembre de 2021

CURSO DE RECICLAXE DE SOCORRISMO ACUÁTICO EN INSTALACIÓNS ACUÁTICAS

 ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2021 pola que se convoca un curso de reciclaxe de socorrismo acuático en instalacións acuáticas, válido para a renovación da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

Obxectivos:
Actualizar a formación necesaria para a renovación da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia creado polo Decreto 104/2012, do 16 de marzo, modificado polo Decreto 35/2017, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e se regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

Destinatarios/as
Persoas inscritas no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia na sección de instalacións acuáticas que estean obrigadas a renovar a inscrición antes do 30 de xuño de 2022. Non obstante, poderán inscribirse aquelas que teñen que renovar a inscrición con posterioridade á data sinalada, pero só serán seleccionadas no caso de existiren prazas vacantes.

Requisitos de participación dos/das solicitantes
1. Requisitos xerais: os/as solicitantes deben ter a condición descrita na base terceira para estes colectivos.
2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con esta.
Igualmente e con motivo das especiais medidas de prevención para evitar a transmisión da enfermidade COVID-19, os/as solicitantes deberán acreditar non estar diagnosticados/as de COVID-19 nin ter presentado sintomatoloxía, nin ter mantido contacto estreito con pacientes diagnosticados, mediante declaración responsable que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con esta.

Exclusións
Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que obtiveron a inscrición de forma provisional no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia a través do establecido na disposición transitoria única do mencionado Decreto 104/2012, do 16 de marzo, modificado polo Decreto 35/2017, do 30 de marzo.

Solicitudes
a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.
É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.
b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.
c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 37 e 886 20 61 39 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.
d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.
e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.
f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.
g) Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Prazo de inscrición
O prazo de inscrición será ata o 27 de setembro de 2021 a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.