jueves, 11 de marzo de 2021

AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASAS NIÑO 2021, 2022, 2023 E 2024

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

ORDE do 26 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para os anos 2021, 2022, 2023 e 2024 (código de procedemento BS403C).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade mediante o establecemento dunha casa niño nos núcleos rurais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade (código de procedemento BS403C).

Para os efectos desta orde, considéranse núcleos rurais os concellos de menos de cinco mil habitantes e enténdense por recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para o mantemento do centro. Igualmente, entenderase que existen recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade se os anteditos equipamentos dos ditos servizos están en construción ou previstos nun documento de planificación da Administración autonómica ou local.

2. Así mesmo, apróbase a convocatoria das ditas axudas para a posta en marcha de experiencias piloto de casas niño durante os anos 2021, 2022, 2023 e 2024.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas para pór en marcha unha casa niño as persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión, ou contar, cando menos, cunha persoa socia que o estea no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguintes:
1º. Técnico/a superior en Educación Infantil.
2º. Grao en mestre/a de Educación Infantil/Educación Primaria.
3º. Grao en Pedagoxía, Psicoloxía ou Educación Social.
4º. Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.
5º. Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.

b) Residir nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou facelo con anterioridade á posta en marcha do proxecto piloto.

c) Contar cun inmoble nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou dispor del con anterioridade á posta en marcha do proxecto piloto. O dito inmoble estará dotado cos seguintes recursos, para os cales poderá pedir esta axuda:
1º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da iniciativa e conte coa protección dos elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto, os atrapamentos ou outros riscos para a integridade das e dos menores.
2º. Unha sala con iluminación e ventilación naturais directas e cun mínimo de 20 metros cadrados, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 0-3 anos.
3º. Dúas zonas, unha para o descanso e outra para a hixiene infantil. A zona de descanso e, de ser o caso, o mesado cambiador poderán estar integrados na sala principal.
4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada, cando menos, dun mesado, frigorífico, vertedoiro e microondas.
5º. Elementos de protección: enchufes de seguridade infantil sempre que se sitúen por debaixo de 1,5 metros, protectores de dedos nas dúas caras das portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta en zonas con diferentes alturas ou escaleiras e extintor/es para a protección contra incendios.
6º. Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos, que incluirá como mínimo: cambiador de cueiros, berces, sabas, mantas, colchóns, contedor de cueiros, ouriñais, tronas, hamacas, adaptadores de inodoro e materiais didácticos e de xogo axeitados para as idades dos nenos e nenas e con marcación CE.
En todo caso, o mobiliario deberá ter bordos romos ou protectores que os cubran para que careza de arestas. Así mesmo, na sala e na zona de descanso, no suposto de estar nunha estancia separada, os materiais dos solos e das paredes ata unha altura de 1,5 metros deberán ser cálidos, lisos, non porosos, facilmente lavables e aptos para a súa desinfección. Na sala deberá crearse unha superficie continua e non esvaradía, axeitada para gatear.
As estancias e zonas anteriormente citadas deben estar situadas nun único andar. No caso de tratarse dun inmoble non destinado a vivenda, este deberá estar ademais na planta baixa.

d) Dispor dun plan de actuación cos/cas nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.

e) Acreditar o estado de saúde cunha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta acreditación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto piloto.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Permanencia mínima da actividade subvencionada
O período mínimo de permanencia da actividade subvencionada será de 3 anos desde o pagamento final da axuda polos gastos previstos no artigo 5.1.a). Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior allea á vontade da/do profesional ou cooperativa que o desenvolve ou a falta de demanda impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas no artigo 2.7.