miércoles, 31 de marzo de 2021

AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASAS DO MAIOR PARA OS ANO 2021, 2022 E 2023

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

ORDE do 22 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento BS212A).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II, respectivamente, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o establecemento da casa do maior nos concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores ou naqueles concellos en que, existindo un único destes recursos de atención diúrna a persoas maiores, se teña presentado ante a Consellería de Política Social a solicitude do seu cesamento total e permanente de actividade.
Para efectos da orde considérase que no concello existen recursos de atención diúrna cando, de acordo cos datos que figuran no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais adscrito á Consellería de Política Social, conten con centros de día ou centros de día de alzhéimer con permiso de actividades.
O código do procedemento regulado na orde é o BS212A.
2. Por medio da presente orde convócanse as ditas axudas para a posta en marcha do proxecto piloto casas do maior durante os anos 2021, 2022 e 2023.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa do maior as persoas físicas que se establezan como empresarios autónomos ou que constitúan cooperativas de traballo asociado que, ademais do cumprimento do establecido na artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a seguir, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:
1º. Grao en medicina.
2º. Grao en enfermaría.
3º. Título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, polo que se establece o título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría e as correspondentes ensinanzas mínimas, ou os títulos equivalentes de técnico auxiliar de Clínica, técnico auxiliar de Psiquiatría e técnico auxiliar de Enfermaría que se establecen no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo ou, se for o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.
4º. Título de técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, polo que se establece o título de técnico de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e se fixan as súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente de técnico de Atención Sociosanitaria ou, se for o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.
5º. Título de técnico superior en Integración Social, establecido polo Real decreto 1074/2012, do 13 de xullo, polo que se establece o título de técnico superior en Integración Social e se fixan a súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente para aqueles profesionais que na data de publicación da presente convocatoria se atopen traballando na categoría profesional de asistente persoal ou auxiliar de axuda a domicilio.
6º. O Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen dous certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos socioculturais e á comunidade que se engaden no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, ou, se for o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.
7º. O Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou o equivalente Certificado de profesionalidade da ocupación de auxiliar de axuda a domicilio ou, se for o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.
8º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.
9º. Habilitación para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regulada pola Orde do 19 de novembro de 2018, pola que se regula o procedemento de obtención das habilitacións para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (códigos de procedemento BS800A e BS800B).
b) Residir en concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, no que se promova o establecemento da casa do maior, ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha da experiencia piloto.
c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na letra anterior, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto, nos termos establecidos na orde.
d) Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado esta revisión médica deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.
e) Dispoñer dun certificado de manipulador de alimentos.
2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias as persoas que concorresen á Orde do 31 de decembro de 2019, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2020 (código de procedemento BS212A), de conformidade co establecido na disposición adicional primeira.

Tipos de axuda e contías
1. As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100 % dos gastos elixibles, cun límite máximo global por casa do maior de 15.000 euros. Consideraranse coma elixibles aqueles gastos en que o promotor incorra para a reforma e adaptación da vivenda destinada a servir de casa do maior, así como o seu equipamento e dotación material, sempre que sexan necesarios.
2. A axuda polo desenvolvemento do proxecto piloto consistirá nunha achega económica de 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora ao comezo da súa andaina, que se liquidará nos termos previstos no artigo 23.
3. Adicionalmente, no caso de que os promotores optaran por asumir o desprazamento das persoas usuarias, os beneficiarios das axudas da orde percibirán un máximo de 5 euros por persoa e día. Para estes efectos o beneficiario da axuda deberá acreditar o número de usuarios deste servizo mediante a cobertura do anexo VI.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como última día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Permanencia mínima da actividade subvencionada
O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será de 5 anos contados desde a data de posta en marcha da experiencia piloto. Entenderase como data de posta en marcha a data da resolución de concesión da axuda. Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior allea á vontade do/da profesional ou cooperativa que o leve a cabo ou a falta de demanda impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas no artigo 2.7.