viernes, 19 de febrero de 2021

MODELO DE SOLICITUDE DE EXENCIÓN DO CANON DA AUGA E COEFICIENTE DE VERTEDURA

AUGAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2021 pola que se establece o modelo normalizado para a solicitude da exención no canon da auga e coeficiente de vertedura establecida no artigo 4.2 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (código de procedemento AU231C).

Obxecto
A presente resolución ten por obxecto establecer o modelo normalizado de solicitude de exención do canon da auga e coeficiente de vertedura establecida no artigo 4.2 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, pola que se modifica o artigo 59 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.
A solicitude de exención que figura no anexo desta resolución habilitarase na Guía de procedementos e servizos, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia co código de procedemento administrativo AU231C.

Solicitantes
Poderán solicitar a exención do canon da auga e coeficiente de vertedura os titulares de consumos de auga nos seguintes establecementos, nos supostos en que visen diminuída significativamente a súa actividade:
a) Establecementos de restauración: restaurantes, salóns de banquetes, cafetarías e bares.
b) Establecementos de lecer e entretemento: salas de festas, discotecas, pubs, cafés espectáculo e furanchos.
c) Hoteis e aloxamentos turísticos.
d) Albergues turísticos.
A acreditación desta circunstancia realizarase mediante declaración responsable contida no anexo de solicitude.

Diminución significativa da actividade
Segundo o disposto no artigo 4 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, para os efectos da aplicación da exención, entenderase producida unha diminución significativa da actividade nos establecementos indicados cando no período de vixencia da exención:
a) Os consumos realizados sexan iguais ou inferiores ao 25 % do consumo realizado no período de facturación inmediatamente anterior ao 5 de novembro de 2020, no caso de que dispoñan de contador.
b) Dos rexistros de aloxamentos, dos servizos efectivamente realizados ou do consumo eléctrico se desprenda unha diminución da actividade no período de vixencia da exención de, polo menos, o 75 % respecto da actividade desenvolvida no período de facturación inmediatamente anterior ao 5 de novembro de 2020.
A acreditación do cumprimento do requisito previsto na alínea a) realizarao a entidade subministradora e, no caso de se abastecer de captacións propias, por Augas de Galicia.
A acreditación do cumprimento do requisito previsto na alínea b) realizarase mediante unha declaración responsable do solicitante contida no anexo desta resolución.

Período de exención
O período de exención do canon da auga e coeficiente de vertedura é o comprendido entre o 5 de novembro de 2020 e a data en que se levante a declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, ambas as datas incluídas.
No caso de que non dispoñan de contador, os solicitantes deberán presentar unha solicitude por cada período de facturación onde o contribuínte considere que cumpre os requisitos de diminución significativa de actividade durante todo o período de vixencia da exención.

Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dalgunha das anteriores.
De conformidade co artigo 89 do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacions e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presentase a solicitude presencialmente, requerirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. Ademais, as solicitudes poderán presentarse ante a entidade subministradora, a través do anexo desta resolución e polos medios que teña establecidos.