martes, 23 de febrero de 2021

CONCESIÓN DIRECTA DA AXUDA COMPLEMENTARIA Á DO PROGRAMA DE BONO DE ALUGUEIRO SOCIAL

 INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2021 de concesión directa da axuda complementaria á do Programa de bono de alugueiro social.

Obxecto e finalidade
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar a concesión directa das subvencións complementarias ás do Programa do bono de alugueiro social.
2. Estas axudas son complementarias ás subvencións concedidas ás persoas beneficiarias do Programa de bono de alugueiro social e teñen a finalidade de subvencionar, conxuntamente con estas, o importe mensual da renda do alugueiro da vivenda, satisfacendo deste xeito unha solución habitacional a colectivos especialmente vulnerables.

Persoas beneficiarias e requisitos
1. Serán beneficiarias destas axudas complementarias todas as persoas que na data publicación desta resolución no DOG teñan unha resolución de concesión inicial ou, de ser o caso, de prórroga do Programa de bono de alugueiro social, así como aquelas outras que resulten beneficiarias do citado programa en virtude da convocatoria correspondente a anualidade 2021.
2. Será requisito necesario para ser persoa beneficiara destas axudas que no expediente de concesión conste o correspondente contrato de alugamento da vivenda achegado pola persoa interesada.
3. Non poderán ser beneficiaras desta axuda as persoas a quen lles fose declarada a perda do dereito ou revogación da subvención concedida no marco do anterior programa ou nas que concorra algunha das situacións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Tampouco poderán ser beneficiarias destas subvencións complementarias aquelas persoas beneficiarias do Programa do bono de alugueiro social, cando a renda do seu contrato de alugamento sexa satisfeita integramente coa axuda do citado programa.

Contía da axuda e duración
1. A contía da axuda será polo importe da renda mensual do contrato de alugamento da persoa beneficiaria non subvencionado no marco do Programa do bono de alugueiro social. No caso de que tivesen recoñecida esta axuda no ano 2020, o importe mensual da axuda complementaria para o ano 2021 será a mesma que viñan percibindo no ano 2020.
2. En ningún caso o importe desta axuda complementaria conxuntamente coa axuda do Programa do bono de alugueiro social poderá superar o límite máximo da renda do contrato de alugamento que figure no respectivo expediente, nin a axuda complementaria poderá exceder o importe máximo de axuda mensual previsto no artigo 6 da Orde do 18 de decembro de 2018 e no artigo 5 da Orde do 11 de abril de 2019.
3. A axuda terá unha duración máxima de doce meses, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2021. No suposto de que se adquira a condición de persoa beneficiaria do Programa do bono de alugueiro social con posterioridade á data de publicación desta resolución, a axuda concederase desde o mes da data da resolución de concesión da axuda ata o 31 de decembro de 2021, sempre que no expediente conste o contrato de alugamento achegado pola persoa beneficiaria. No suposto de que o contrato de alugamento se achegue con posterioridade á data da resolución de concesión, a axuda recoñecerase desde o mes da data de presentación do contrato, salvo que este tivese efectos económicos posteriores, caso este en que se concederá a axuda desde ese mes ata o 31 de decembro de 2021.

Procedemento de concesión
1. O procedemento de concesión destas axudas iníciase de oficio mediante esta resolución.
2. A tramitación deste procedemento será realizada pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, sen que sexa necesario que as persoas interesadas teñan que presentar solicitude ningunha.
3. Os datos necesarios para a tramitación do procedemento son os que figuran no expediente do Programa do bono de alugueiro social.
4. A resolución de concesión específica da axuda complementaria será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
5. Contra a resolución poderase interpoñer recurso de alzada, ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación

Xustificación da subvención
A subvención xustificarase mediante a presentación, dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes, dunha declaración responsable en que a persoa beneficiaria indique que continúa residindo na vivenda alugada, a cal deberá ir dirixida á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda. Esta declaración responsable poderá presentarse por vía electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada ou en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Pagamento da subvención
O pagamento da subvención complementaria será mensual e realizarase mediante transferencia bancaria na conta da persoa arrendadora que conste no expediente do bono de alugueiro social.

Obrigas das persoas beneficiarias
Ademais das recollidas nesta resolución e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:
a) Presentar, dentro do prazo sinalado no ordinal sétimo, as declaracións responsables de que continúa residindo na vivenda alugada.
b) Facilitar toda a información que requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
c) Permitir ao IGVS a realización das inspeccións ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.
d) Comunicar á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda alugada calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.