miércoles, 3 de febrero de 2021

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VEHÍCULOS ADAPTADOS A PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA (EUROTAXI), VEHÍCULOS TAXI DE EMISIÓNS CERO E VEHÍCULOS TAXI ECO, E SE CONVOCAN PARA O EXERCICIO 2021

 CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE

ORDE do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2021, mediante tramitación anticipada (código de procedemento IF303A).

Obxecto
1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas ás persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi de tipo eco.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2021.
3. En concreto, poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran entre o 2 de abril de 2020 e a data establecida nesta orde para xustificar a axuda.
4. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das axudas, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos Servizos de Mobilidade competentes.
Para que xeren dereito á axuda, as autorizacións deberán axustarse ás seguintes regras:
a) As autorizacións terán que estar domiciliadas en Galicia.
b) As ditas autorizacións deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.
c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das que sexa titular o solicitante.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de outubro de 2021.

Outros datos
A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado co código de procedemento IF303A. dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Este modelo irá acompañado ademais da documentación relacionada no artigo 6 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).