martes, 9 de febrero de 2021

CONVOCATORIA PROBAS DE ACCESO AOS CICLOS FORMATIVOS DE GRAO MEDIO E DE GRAO SUPERIOR DE FORMACIÓN PROFESIONAL DO SISTEMA EDUCATIVO PARA 2021

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

ORDE do 21 de xaneiro de 2021 pola que se convocan probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo para o ano 2021 (códigos de procedemento ED312C e ED312D).

Obxecto e ámbito de aplicación
Esta orde ten por obxecto a regulación das probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio (código de procedemento ED312C) e de grao superior (código de procedemento ED312D) de formación profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2021.

Finalidade e persoas destinatarias das probas de acceso
1. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria nin un título profesional básico, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, continuar a súa formación accedendo aos ciclos formativos de formación profesional de grao medio, nunhas condicións suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.
2. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de bacharelato nin un título de técnico de formación profesional, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, a posibilidade de continuaren formándose en ciclos de formación profesional de grao superior, coa madureza e a idoneidade suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.

Información e orientación sobre o proceso de realización das probas de acceso
Todos os institutos de educación secundaria que impartan ciclos formativos de formación profesional e os centros integrados de formación profesional deberán ofrecer ás persoas interesadas información e orientación sobre estas ensinanzas, así como sobre o procedemento de inscrición e desenvolvemento das probas de acceso.

II. Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio (ED312C).

Requisitos das persoas participantes
Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñan dezasete anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba.

Datas e lugares de inscrición
A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo I, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2020/21. O prazo de presentación estará abranguido entre os días 15 ao 26 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos.

Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude, anexo I (código de procedemento ED312C), dispoñible na aplicación informática «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal).
2. Tamén se poderán presentar as solicitudes na secretaría de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2020/21. As persoas interesadas deberán cubrir a solicitude a través da aplicación «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do) que xerará un documento en formato PDF co formulario normalizado de solicitude, anexo I (código de procedemento ED312C), que a persoa interesada deberá imprimir e, posteriormente, presentar no centro de inscrición. No caso de solicitantes menores de idade poderán realizar a solicitude a través da aplicación informática as persoas titulares da patria potestade ou os representantes legais.
3. O centro de inscrición elixido pola persoa solicitante tomarase como referencia para a asignación da sede de realización da proba de acceso.

Realización da proba
1. As probas de acceso aos ciclos de grao medio terán lugar o día 27 de maio de 2021 no horario que se indica a seguir:
– Ás 9.00 horas: presentación.
– Das 9.30 ás 13.00 horas: parte matemática e parte sociolingüística.
– Das 16.00 ás 18.00 horas: parte científico-técnica.
2. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.

Relacións provisorias e definitivas de cualificacións
1. A relación provisoria de cualificacións farase pública o día 8 de xuño.
2. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisoria desde o día 8 ata o día 11 de xuño, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizara a inscrición.
3. A relación definitiva de cualificacións farase pública o día 22 de xuño.

III. Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior (ED312D).

Requisitos das persoas participantes
Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñan dezanove anos ou os fagan no ano de realización da proba.

Datas e lugares de inscrición
A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo II, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2020/21. O prazo de presentación estará abranguido entre os días 18 de febreiro ao 3 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos.

Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude, anexo II (código de procedemento ED312D), dispoñible na aplicación informática «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal).
2. Tamén se poderán presentar as solicitudes na secretaría de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2020/21. As persoas interesadas deberán cubrir a solicitude a través da aplicación «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do), que xerará un documento en formato PDF co formulario normalizado de solicitude, anexo II (código de procedemento ED312D), que a persoa interesada deberá imprimir e posteriormente presentar no centro de inscrición.
3. O centro de inscrición elixido pola persoa solicitante tomarase como referencia para a asignación da sede de realización da proba de acceso.

Realización da proba
A estrutura e a organización da proba están definidas no artigo 39.3 do Decreto 114/2010.
1. As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 15 de abril de 2021 no horario que se indica a seguir:
– Ás 9.00 horas: presentación.
– Das 9.30 ás 13.00 horas: parte común da proba (Matemáticas, Lingua Galega e Lingua Castelá).
– Das 16.00 ás 18.30 horas: parte específica da proba (materias específicas da opción vinculada ao ciclo formativo a que se desexe acceder, segundo o anexo VII desta resolución).
2. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.

Relacións provisorias e definitivas de cualificacións
1. A relación provisoria de cualificacións farase pública o día 3 de maio.
2. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisoria desde o día 4 ao 7 de maio, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizase a inscrición.
3. A relación definitiva de cualificacións farase pública o día 1 de xuño.