miércoles, 24 de febrero de 2021

CONVOCATORIA PROBA PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DE BACHAREL PARA MAIORES DE VINTE ANOS

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización (código de procedemento ED534A).

Obxecto e ámbito de aplicación
A presente resolución ten por obxecto convocar a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos correspondente ao ano 2021 na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento administrativo ED534A) e determinar as condicións en que se realizará.

Modalidades
1. A proba convócase para as modalidades de Ciencias e de Humanidades e Ciencias Sociais.
2. Non obstante o anterior, poderanse inscribir na proba, e titular pola modalidade de Artes, as persoas que estean en condicións de validar o segundo exercicio conforme o establecido na segunda parte do anexo III da presente resolución.

Requisitos que deben reunir as persoas aspirantes
Poderán participar nesta proba as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2021.
b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para efectos académicos.
c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2020/21.

Prazo, lugar e forma de presentación de solicitudes de inscrición
1. O período de inscrición na proba estará comprendido entre o 3 e o 10 de marzo de 2021.
2. As persoas aspirantes poderán inscribirse nos dous exercicios que integran a proba ou dun deles.
3. As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel, conforme o modelo que figura no anexo I da presente resolución, nos centros educativos sinalados no número 4 desta epígrafe ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
4. Os centros onde se pode presentar a solicitude son os seguintes:
a) Centro EPA Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3-2º andar, 15003 A Coruña.
b) IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
c) Centro EPA Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
d) Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.
e) Centro EPA Río Lérez, avenida de Buenos Aires, 26, 36002 Pontevedra.
f) Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8-1º, 36202 Vigo.
5. Cando proceda, xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:
a) Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia.
b) Certificado de residencia no caso de solicitar a exención das materias de Lingua Galega e Literatura I e II por cumprir as condicións previstas na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se desenvolve o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.
c) Certificacións académicas ou copia simple do libro de escolaridade e/ou historial académico que acrediten estar en condicións de validar algún exercicio da proba. No momento da presentación, e para os efectos de cotexo das ditas copias cos documentos orixinais, estes últimos deberán ser mostrados polas persoas interesadas.

Realización da proba
1. A proba celebrarase en Santiago de Compostela o día 23 de abril de 2021 no IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
2. Para a realización da proba as persoas candidatas acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.