viernes, 26 de febrero de 2021

PROCEDEMENTO DE SOLICITUDE DE INCLUSIÓN NAS LISTAS PARA NOMEAMENTO DE PERSOAL INTERINO PARA O DESEMPEÑO CON CARÁCTER TRANSITORIO DE PRAZAS RESERVADAS A FUNCIONARIOS INTERINOS E A CONTRATACIÓN TEMPORAL DE PERSOAL LABORAL DA XUNTA DE GALICIA

 CONSELLERÍA DE FACENDA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de febreiro de 2021 pola que se regula o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión nas listas para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, e se aproba o modelo normalizado de solicitude (código de procedemento AP522T).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de presentación de solicitudes de inclusión nas listas para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e de entidades públicas instrumentais do sector público autonómico incluídas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aprobar e dar publicidade ao modelo normalizado de solicitude que se xunta como anexo I a esta orde (código de procedemento administrativo AP522T), así como a outros modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento de presentación de solicitudes (anexos II e III).

Persoas solicitantes
Poderán presentar solicitude todas aquelas persoas que queiran formar parte das listas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a cobertura temporal de postos reservados a persoal laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e de entidades públicas instrumentais do sector público autonómico incluídas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, e que consideren que cumpren os requisitos establecidos no artigo 8 do Decreto 37/2006 para poder inscribirse nas listas.

Requisitos
1. Serán requisitos indispensables para poder inscribirse nas listas posuír a titulación ou formación académica exixida para cada grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade e os demais requisitos legalmente exixidos para participar na convocatoria pública das correspondentes probas selectivas na data de presentación da solicitude de inclusión na lista pola persoa interesada en formar parte dela, de acordo co establecido no artigo 8 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, así como, se é o caso, os requisitos establecidos para cada grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade nas convocatorias de apertura de listas.
2. As persoas solicitantes deberán posuír, así mesmo, o nivel de coñecemento da lingua galega previsto no artigo 8 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Forma e prazo de presentación
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes, no caso de listas elaboradas que se encontren en xestión, esténdese desde o día 1 de marzo ata o 30 de abril de cada ano, e estas elabóranse no período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de decembro.




As solicitudes poderanse presentar, así mesmo, no prazo establecido nas resolucións da dirección xeral competente en materia de función pública de apertura do prazo de presentación de solicitudes de inclusión en listas.