lunes, 25 de mayo de 2020

SUBVENCIÓNS PARA A RENOVACIÓN DE ELECTRODOMÉSTICOS E A IMPLANTACIÓN DE DOMÓTICA ENERXÉTICA

AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA


Obxecto
1. Aprobar as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos e a implantación de domótica enerxética, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan galego de eficiencia enerxética nas familias (código de procedemento IN414C), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IN414B), recollidas como anexo I desta resolución, e proceder á convocatoria para a anualidade 2020.
2. Seleccionar, en réxime de concorrencia non competitiva, as entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (anexos II e III).
3. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2020, que se xuntan a esta resolución como anexos IV a VI.
4. Publicar o convenio de colaboración para as axudas do Plan galego de eficiencia enerxética nas familias, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo III).
5. Convocar para o ano 2020, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións destinadas a renovación de electrodomésticos e a instalación de domótica enerxética.

Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas que realicen algunha das actuacións establecidas no artigo 3 nunha vivenda sita na Comunidade Autónoma de Galicia. Para ser beneficiaria terá que tramitar a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na lista que se publique na páxina web do Inega, www.inega.gal.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes de axudas serán presentadas polas entidades colaboradoras segundo o modelo de formulario normalizado anexo IV desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.
2. As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Se a entidade colaboradora presenta a solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
3. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 30 de xullo de 2020, e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).
4. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de xullo de 2020 ás 9.00 para a actuación 1 e o día o 2 de xullo de 2020 ás 9.00 horas para a actuación 2, e rematará o 30 de setembro de 2020 ou cando se esgoten os fondos.