viernes, 29 de mayo de 2020

AXUDAS ÁS COMUNIDADES DE PROPIETARIOS/AS PARA A REPARACIÓN, A REHABILITACIÓN E/OU ADAPTACIÓN DOS EDIFICIOS DE VIVENDAS PROTEXIDAS PROMOVIDOS POR ESTE INSTITUTO

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO


Obxecto
Esta resolución ten por obxecto convocar para o exercicio 2020 as axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en adiante, IGVS) que teñan máis de 10 anos de antigüidade e que non estean descualificados, correspondente ao procedemento VI420A.

Persoas beneficiarias
Poderán ter a condición de beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS que no momento de presentar a correspondente solicitude teñan máis de 10 anos de antigüidade e que non estean descualificados, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:
a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.
b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.
c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo cuarto da Resolución de bases do 4 de abril de 2019 e conforme a disposición orzamentaria existente.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación da solicitude de axuda será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e no mes de vencemento. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.