lunes, 11 de mayo de 2020

SUBVENCIONS A ENTIDADES DE INICIATIVA SOCIAL PARA A PROMOCIÓN DE ACTUACIÓNS DE SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS E INCLUSIÓN SOCIAL PARA 2020,2021 E 2022

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Finalidade
A finalidade consistirá na concesión de subvencións ás entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, levan a cabo a referida atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social, e desenvolven programas e/ou prestan servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

Beneficiarias
Serán beneficiarias as entidades de iniciativa social a que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos socias de Galicia, sempre e cando reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para os efectos do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, considéranse entidades privadas de iniciativa social aquelas organizacións non gobernamentais e institucións non gobernamentais que realicen actividades de servizos sociais carecendo de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Dedicarse, con carácter preferente en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións referidas á atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social, e ao desenvolvemento dos programas e/ou da prestación de servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.