lunes, 30 de septiembre de 2019

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas (procedemento TR310A) cuxa vixencia comprenderá desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o 31 de outubro de 2021, período durante o cal poderán efectuarse diversas convocatorias que se rexerán por elas.
2. Asemade, esta orde ten por obxecto proceder á primeira convocatoria do procedemento TR310A, co obxecto de financiar accións formativas que se executen no período comprendido entre o 1 de agosto do 2019 e o 31 de outubro do 2020.
A finalidade deste programa de incentivos é mellorar a cualificación profesional das persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos da economía galega, contribuíndo a mellorar a competitividade das empresas que operan nestes sectores identificados como estratéxicos.

 Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as empresas privadas con centro de traballo en Galicia, calquera que for a forma xurídica que adopten, excepto as persoas traballadoras por conta propia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde.
Tamén poderán ser entidades beneficiarias as agrupacións de empresas, que deberán estar constituídas, como mínimo, por 2 empresas con necesidades formativas similares, de tal modo que así se poida alcanzar o número mínimo de alumnado participante que se establece nestas bases. O tamaño máximo da agrupación será de 10 empresas.

Prazo de presentación das solicitudes
O prazo para achegar solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
A presentación de solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, nos enderezos https://sede.xunta.gal ou https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes.