viernes, 20 de septiembre de 2019

AXUDA PARA O ALUGAMENTO DE VIVENDA DO PLAN ESTATAL DE VIVENDA 2019-2021, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O 2019, CON CARÁCTER PLURIANUAL


Obxecto e réxime de concesión das axudas
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión (código de procedemento VI432A) e a renovación (código de procedemento VI432B) dos seguintes programas de axudas ao alugamento de vivendas, de conformidade co Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021):
a) Liña A, axuda ao alugamento de vivenda: a súa finalidade é facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante a concesión de axudas directas ás persoas inquilinas.
b) Liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente: a súa finalidade é facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada, en réxime de alugamento, a persoas menores de 35 anos con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas liñas de axudas para a anualidade 2019, con carácter plurianual.
3. A concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

 Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña A, axuda ao alugamento de vivenda, as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.
b) Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, e cuxos efectos económicos sexan anteriores ao último día de prazo de presentación de solicitudes.
c) Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de convivencia durante todo o período polo cal se conceda a axuda. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.
d) Que a renda mensual da vivenda alugada non supere os importes establecidos no artigo 10.
e) Que os ingresos das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 2 veces o IPREM. Este límite será de 4 veces o IPREM, se a unidade de convivencia é unha familia numerosa de categoría xeral ou ten persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O límite será de cinco 5 veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con algún dos seguintes tipos de discapacidade:
i) Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
ii) Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
f) Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,7 veces o IPREM. Para o cómputo destes ingresos non serán de aplicación os coeficientes multiplicadores previstos no artigo 12.4.
2. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, as persoas físicas maiores de idade que non teñan cumpridos os 35 anos na data de presentación da solicitude e cumpran o resto de requisitos sinalados no punto 1 deste artigo.
3. Non poderá concederse a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atope nalgunha das situacións que a continuación se indican:
a) Ser propietario ou usufrutuario dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión
mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou dalgún membro da súa unidade de convivencia.
b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora da vivenda.
c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.
d) Ser inquilina dunha vivenda xestionada polo IGVS ou por calquera Administración pública.
e) Ter sido beneficiaria das axudas de calquera das dúas liñas deste programa ao abeiro de convocatorias anteriores realizadas con financiamento do Plan 2018-2021. Exceptúanse deste suposto as persoas que xa non forman parte da unidade de convivencia da persoa beneficiaria da axuda.
f) Non atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
g) Estar incurso nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e/ou no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como ser obxecto dunha resolución de revogación ou reintegro dunha axuda deste plan de vivenda ou doutro anterior, por causa imputable a algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.