viernes, 20 de septiembre de 2019

AXUDAS PARA CENTROS PRIVADOS CONCERTADOS DE GALICIA NO ÁMBITO DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES E O FOMENTO DA LECTURA PARA O CURSO 2019/20


Obxectos e importes
A través desta orde preténdese seleccionar novos centros para a súa incorporación ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, así como apoiar a continuidade deste programa mediante a concesión de novas contías aos centros educativos incluídos en anteriores convocatorias, sempre que a través do seguimento que se realiza desde a coordinación do programa, e moi especialmente a través da memoria correspondente ao curso 2018/19, acaden unha valoración positiva.
No caso dos centros concertados integrados en convocatorias anteriores que soliciten a súa continuidade, ademais deste requisito, terase en conta a correcta xustificación da axuda recibida.
Da mesma forma búscase seleccionar centros que desexen poñer en marcha o Programa de clubs de lectura (ensinanza secundaria obrigatoria) ou Radio na biblio (co requisito de ser un centro incluído no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2018/19). Así mesmo, adxudicaranse axudas a centros concertados ordinarios con aulas concertadas de educación especial, destinadas a melloras na biblioteca para lograr avances como biblioteca inclusiva.

Beneficiarios
Centros privados concertados interesados en participar nalgunha das seguintes liñas de axuda:
a) Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados (continuación das axudas á actualización das bibliotecas escolares iniciadas en 2016 e incorporación ao Plan de mellora de bibliotecas escolares).
b) Clubs de lectura-concertados (vinculados á biblioteca escolar, para realizar fóra das aulas, é dicir, do tempo das materias) e destinados a alumnado de ensinanza secundaria obrigatoria.
c) Radio na biblio-concertados (laboratorio de radio, vinculado á biblioteca escolar en centros xa integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares durante o curso 2018/19).
d) Biblioteca inclusiva-concertados (melloras para a accesibilidade concretadas no mobiliario, equipamento e colección das bibliotecas escolares de centros ordinarios que contan con unidades concertadas de educación especial).