viernes, 20 de septiembre de 2019

AXUDAS PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DA PARTICIPACIÓN GALEGA NO PROGRAMA MARCO DE INVESTIGACIÓN E INNOVACIÓN DA UNIÓN EUROPEA, COFINANCIADAS POLO FEDER

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2019 pola que se convocan para o ano 2019 as axudas para a concesión de subvencións para o fomento da participación galega no Programa marco de investigación e innovación da Unión Europea (Horizon 2020), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (códigos de procedemento IN607F, IN607G e IN607H).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar a convocatoria para o ano 2019 das axudas para o fomento da participación galega de calidade no Programa marco da Unión Europea nas súas diferentes liñas:
– Liña 1 (código de procedemento administrativo IN607F): axudas para actividades de preparación de propostas de calidade, tanto de xeito individual como en consorcio, no Programa marco de investigación e innovación. Consideraranse propostas de calidade aquelas que acadaron no proceso de avaliación da convocatoria do Programa marco a que concorreron unha puntuación superior ao 75 % da nota máxima establecida.
– Liña 2.1 (código de procedemento administrativo IN607G): axudas para o desenvolvemento dunha proposta individual presentada a algunha das convocatorias da fase I do instrumento peme do Programa marco, sempre que esta acadase unha avaliación igual ou superior aos 13 puntos ou fose distinguida co selo de excelencia.
– Liña 2.2 (código de procedemento administrativo IN607H): axudas para o desenvolvemento dunha proposta individual presentada a algunha das convocatorias da fase II do instrumento peme do Programa marco, sempre que esta acadase unha avaliación igual ou superior aos 12 puntos ou fose distinguida co selo de excelencia.
Deberanse ter en conta o resto de condicións e requisitos incluídos no artigo 1 da convocatoria.

Entidades beneficiarias
Poderán ter a condición de beneficiarias o seguinte tipo de entidades, segundo o artigo 3 da convocatoria e das bases reguladoras:
a) Para a liña 1: pemes e organismos de investigación e difusión.
b) Para as liñas 2.1 e 2.2: pemes.
Deberanse ter en conta as definicións recollidas no anexo I das bases reguladoras.
No caso das liñas 1.1 e 2.1, non poderán ser beneficiarias delas aquelas entidades que, pola actividade que desenvolvan ou o sector a que pertenzan, se atopen entre as excepcións recollidas no artigo 1.1 do Regulamento (UE) 1407/2013 relativo ás axudas de minimis. No caso da liña 2.2, estas excepcións están recollidas no artigo 1.3 do Regulamento (UE) 651/2014.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria, que permanecerá aberta ata o 30 de outubro de 2019 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso en que se produza con anterioridade a esta data.