miércoles, 3 de abril de 2024

SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA REHALUGA 2024

 INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 19 de marzo de 2024 pola que se procede á convocatoria das subvencións do Programa Rehaluga, dirixido ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas para o alugamento, con financiamento plurianual, para o ano 2024 (código de procedemento VI426C).

Obxecto e réxime das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2024, con carácter plurianual, as subvencións do Programa Rehaluga, dirixido ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas para o alugamento (en diante, PMVA), que se tramitará co código de procedemento VI426C.
2. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social, e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, no momento da concesión da subvención.
b) Non estar incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:
1. Que a vivenda estea incorporada ao PMVA.
2. Que a/as actuación/s subvencionable/s se realicen no período que se sinala no ordinal quinto desta resolución de convocatoria.
3. Que a vivenda en que se realice/n a/as actuación/s subvencionable/s non obtivese con anterioridade outra subvención do IGVS do Programa Rehaluga, ao abeiro do PMVA.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da resolución no DOG e rematará o día 4 de novembro de 2024 e, en todo caso, no momento do esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.
2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.