jueves, 11 de abril de 2024

PROCEDEMENTO DE ADXUDICACIÓN DE ESTADÍAS E SERVIZOS NAS RESIDENCIAS DE TEMPO LIBRE ADSCRITAS A ESTA CONSELLERÍA NO ANO 2024

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

ORDE do 27 de marzo de 2024 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de estadías e servizos nas residencias de tempo libre adscritas a esta consellería no ano 2024 (código de procedemento BS419A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de estadías e servizos para o ano 2024 nas residencias de tempo libre de Panxón e do Carballiño, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Política Social e Xuventude.
O código deste procedemento de adxudicación é o BS419A e comprende exclusivamente as estadías e servizos reflectidas no anexo III, cuxa adxudicación corresponde á Consellería de Política Social e Xuventude.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias todas as persoas integrantes dunha unidade familiar que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente poderán acollerse a esta orde os galegos e galegas residentes no exterior.
Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que gozasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgunha das dúas convocatorias anteriores.

Tipos de servizo
1. Os servizos que se prestan nestas residencias no ano 2024 comprenderán o aloxamento e o mantemento en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias residentes, como se indica:
a) Servizo de aloxamento que inclúe a limpeza diaria.
b) Servizo de comedor en réxime de pensión completa que comprende o almorzo, o xantar e a cea.
2. O servizo de comedor ofrece un menú único, sen prexuízo da atención de solicitudes de dietas individualizadas derivadas de prescrición médica, alerxias ou intolerancias alimentarias.
3. Non se admite a entrada e estadía de animais de compañía.

Prezos
Os prezos para as estadías e servizos ofertadas na presente convocatoria serán os previstos no Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre actualizados pola Orde do 4 de xuño de 2013 pola que se actualizan os prezos públicos determinados no Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre.

Presentación de solicitudes, lugar e prazo
1. Cada unidade familiar poderá solicitar, a través da persoa maior de idade que a represente, as estadías e servizos para calquera das dúas residencias de tempo libre adscritas á Consellería de Política Social e Xuventude e para unha ou varias quendas que se detallan no anexo III, para o que debe achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo I.
Para os efectos desta orde, enténdese por unidade familiar a formada pola/s persoa/s adulta/s e, de ser o caso, as fillas e os fillos e persoas maiores que convivan de xeito permanente ou temporal, coa persoa solicitante.
Así mesmo, terán a consideración de fillos e fillas as persoas en situación de garda con fins adoptivos e en acollemento familiar.
2. Presentarase unha única solicitude por unidade familiar na que se indicará a orde de preferencia no desfrute das estadías e servizos nas residencias. A dita solicitude dirixirase á Xefatura Territorial de Ourense no caso de que figure como primeira opción a residencia de tempo libre do Carballiño e á Xefatura Territorial de Vigo, no caso de que figure como primeira opción a residencia de tempo libre de Panxón. No caso de que se soliciten estadías e servizos para ambas as residencias, resolverá a xefatura territorial correspondente á cada unha delas.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formular normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles. Este prazo comezará a computar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.