martes, 16 de abril de 2024

CAMPAMENTOS DE VERÁN 2024

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

ORDE do 4 de abril de 2024 pola que se regula a oferta de prazas para actividades xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2024 e se procede á súa convocatoria (códigos de procedemento BS303A, BS303F, BS303G e BS303H).

Obxecto
1. A través desta orde, a Consellería de Política Social e Xuventude oferta as prazas para actividades xuvenís dentro da programación da Campaña de verán para o ano 2024 que se detalla no anexo I (códigos de procedemento BS303A, BS303F, BS303G e BS303H), para facilitar que a xuventude galega poida participar en actividades de tempo libre de calidade.
As actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diferentes quendas durante os meses de xullo, agosto e setembro.
2. A información sobre a convocatoria desta campaña atoparase detallada na páxina web xuventude.xunta.esServizos ofertados
1. As persoas participantes nas actividades xuvenís da programación da Campaña de verán 2024 disporán dos seguintes servizos:
a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación da persoa moza.
b) O aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil.
c) A manutención en réxime de pensión completa.
d) O material necesario para o desenvolvemento da actividade xuvenil.
e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con discapacidade que por razón das súas necesidades especiais precisen apoio, disporase de persoal que conte coa formación e experiencia necesarias para atendelas.
f) A atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
g) No caso de intercambios noutras comunidades autónomas, o transporte desde Santiago de Compostela, que será o punto de saída, ata o lugar de destino do intercambio, así como o retorno ata o mesmo punto de saída.
2. Sen prexuízo do establecido na letra g) do número 1, a incorporación e a recollida das persoas participantes nas actividades en Galicia será por conta da persoa interesada nos termos que se indiquen pola Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, na páxina web xuventude.xunta.es
No caso de intercambios noutras comunidades autónomas, relacionados no anexo I C, será por conta da persoa interesada tanto o traslado ata Santiago de Compostela o día de saída como o traslado para a recollida da persoa menor, no mesmo lugar, o día de retorno.
No suposto de abandono da actividade ou expulsión da persoa participante, será responsabilidade das persoas proxenitoras ou titoras legais o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que se ocasionen.

Persoas participantes
1. Poderán solicitar a súa participación nas actividades xuvenís ofertadas nesta convocatoria as persoas mozas residentes en Galicia, nacidas no ano sinalado no anexo I para cada actividade.
2. En canto ás idades mínima e máxima para participar na Campaña de verán 2024, as persoas nacidas no ano 2015 deberán ter feitos os 9 anos ao inicio do campamento e as persoas nacidas no ano 2006 non poderán facer os 18 anos antes da finalización do campamento.
3. Para ser admitida/o no campamento será necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio. Para os campamentos que inclúan na súa programación actividades acuáticas, é requisito saber nadar, sen prexuízo do sinalado para as persoas con discapacidade no número 5.
4. Ningunha persoa participante poderá ser admitida en máis dun campamento nesta convocatoria. A praza adxudicada será intransferible.
Así mesmo, as persoas admitidas nun campamento desta convocatoria non poderán solicitar praza noutros programas da Campaña de verán, agás que previamente se dean de baixa no campamento adxudicado.
5. As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán facer constar esta circunstancia na epígrafe que figura no seu anexo de solicitude, co fin de planificar os apoios persoais necesarios, se os precisase.
Para facilitar a selección dos campamentos e instalacións xuvenís máis axeitadas ás condicións das persoas solicitantes, a programación de actividades e as características das instalacións en que se desenvolven poderanse consultar na páxina web de xuventude, xuventude.xunta.es
En función do tipo de discapacidade, poderá exceptuarse, de ser o caso, o requisito de saber nadar.
As persoas solicitantes con discapacidade deben optar, de conformidade co artigo seguinte, polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas para inclusión, de xeito que quedarán excluídas no suposto de que presenten a solicitude por ambos os procedementos.
6. As persoas menores en situación de tutela ou garda pola Administración e que se atopen en acollemento residencial, poderán participar nesta convocatoria e deberán indicar esta condición no anexo de solicitude, marcando o recadro correspondente.
7. O incumprimento dos requisitos sinalados neste artigo impedirá a participación da persoa solicitante no campamento.

Tipos de solicitude e forma de presentación
1. As solicitudes poderán presentarse de forma individual ou múltiple e tramitaranse polo procedemento xeral ou polo procedemento de prazas para inclusión de persoas con discapacidade, de ser o caso, como se indica nos números seguintes.
2. As persoas que presenten unha solicitude individual de prazas deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo II, correspondente ao procedemento xeral (código de procedemento BS303A).
As persoas con discapacidade que opten polo procedemento das prazas reservadas para inclusión relacionadas no anexo I B, deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo IV (código de procedemento BS303G).
3. Poderá presentarse unha solicitude múltiple para o suposto de dous/dúas ou máis irmáns/ás, tanto no procedemento xeral como no de inclusión. Poderán incluírse na solicitude múltiple as persoas menores que convivan no domicilio en situación de acollemento familiar, equiparándose a súa situación á de persoas irmás.
Esta solicitude múltiple só se poderá empregar no caso de persoas que soliciten idéntica instalación, quenda e campamento, identificado co mesmo código. Todas as persoas interesadas que figuren nunha mesma solicitude deben cumprir os requisitos de idade exixidos para as instalacións, quendas e campamentos solicitados.
As persoas que presenten unha solicitude múltiple deben empregar o formulario que se incorpora como anexo III, correspondente ao procedemento xeral (código de procedemento BS303F).
As persoas con discapacidade que presenten unha solicitude múltiple e opten polo procedemento das prazas reservadas para inclusión relacionadas no anexo I B deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo V (código de procedemento BS303H).
Cando se trate dunha persoa sen discapacidade que teña irmáns/ás con discapacidade e queiran presentar unha solicitude múltiple, só o poderán facer polo procedemento xeral, e en ningún caso unha persoa sen discapacidade poderá ocupar unha praza das reservadas para inclusión.
O incumprimento do disposto neste número por unha das persoas participantes suporá a exclusión de todas as que figuren nesa mesma solicitude.
Estas solicitudes múltiples teñen efecto durante o sorteo para a adxudicación da praza e para xerar as listas de espera. Non obstante, no momento das adxudicacións desde a lista de espera teranse en conta como solicitudes individuais.
4. De acordo co establecido no artigo 10.2 da Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5. Os anexos de solicitude deben ser cubertos de acordo co seguinte réxime:
a) Cada persoa moza só poderá cubrir unha solicitude e elixirá, por orde de prioridade, un máximo de cinco quendas de campamento. Cada quenda vai identificada cun código no anexo I, alíneas A , B e C.
b) Os datos da persoa solicitante deben ser os da persoa moza que opta a participar nas actividades. No caso de solicitudes múltiples deberanse cubrir os datos de todos/as os/as irmáns/irmás que soliciten a súa participación.
c) As solicitudes deberanas asinar as persoas proxenitoras ou titoras das persoas menores solicitantes.
d) As persoas solicitantes deben residir na Comunidade Autónoma de Galicia e, polo tanto, o enderezo que se inclúa na solicitude deberá ser, necesariamente, nalgún concello de Galicia.
e) A duplicidade dunha solicitude dará lugar á non admisión de ambas, e a persoa solicitante quedará fóra da adxudicación.
6. Na páxina web xuventude.xunta.es habilitarase unha ligazón para consultar o número de expediente asignado á persoa menor solicitante e os datos da solicitude. Para ter acceso á consulta de datos deberase incluír o número do DNI da persoa proxenitora ou titora que cubriu a solicitude, así como a data de caducidade dese DNI.
Se na consulta se detecta algún erro ou non consta a solicitude que a persoa interesada presentou en forma e prazo, debe chamar a calquera dos números de teléfono que aparecen no anexo IX, de información sobre a convocatoria.
A comunicación dos erros deberá efectuarse, como data límite, ata tres días hábiles antes do sinalado para a realización do sorteo. Unha vez transcorrido ese día non procederá reclamación ningunha.
7. A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.
8. As persoas solicitantes poderán solicitar información e asesoramento en relación coa convocatoria nos teléfonos relacionados no anexo IX e tamén de modo presencial nas dependencias sinaladas no citado anexo.

Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.