viernes, 12 de abril de 2024

CONCURSO DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2024

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2024 (código de procedemento PR775A).

Obxecto, participantes e réxime xurídico
1. O concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2024 ten por obxecto incentivar a creatividade literaria a través do uso da lingua galega.
2. Está dirixido a nenas galegas e nenos galegos que teñan a súa veciñanza administrativa en calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia e teñan idades comprendidas, en función das dúas categorías previstas, entre os 9 a 11 anos e os 12 a 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación dos traballos.
Non poderán acceder a estes premios as persoas participantes cuxos representantes legais se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tampouco poderán acceder os fillos e as fillas das persoas integrantes do xurado.
3. A concesión dos premios rexerase por estas bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

Características dos contos
1. Os contos deberán redactarse en lingua galega. Non serán valorados aqueles textos que non cumpran uns requisitos mínimos de corrección idiomática no emprego da lingua galega.
2. A temática será libre. Terán unha extensión mínima dunha páxina e máxima de cinco. Deberán estar escritos por unha soa cara, a un espazo e medio, con formato de fonte Times New Roman e tamaño de letra 12. En caso de presentar os textos en papel, deberá utilizarse o tamaño A4 e non unir as páxinas con clips, grampas ou outros elementos. As páxinas deberán estar numeradas.
3. A primeira páxina do conto deberá incluír unicamente o título e o pseudónimo. No conto non poderá figurar ningún dato que permita identificar a persoa participante.
4. Queda prohibido o uso de tecnoloxías de intelixencia artificial para a elaboración dos contos presentados.
5. Poderán presentarse traballos premiados noutros concursos, agás que xa fosen premiados anteriormente pola EGAP.

Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.